Casa das máquinas en Galeras / foto HdG

A fábrica de electricidade de Santiago rehabilitarase case dúas décadas despois da súa cesión

A agardada rehabilitación da compostelá Casa das Máquinas, da que xa falamos en HdG, parece atoparse, agora si, moi preto. Pois a xunta de goberno municipal aprobou o pasado xoves a actualización do proxecto para a adaptación á nova función do edificio, que será finalmente local social. E é que, despois de décadas de abandono, a finais do ano 2017 Concello e Deputación acordaron o financiamento conxunto da rehabilitación do inmoble, na que o Concello aportaría o 20% e o organismo supramunicipal o restante, ascendendo o orzamento a 252.000 euros.

E é que este semella ser o final dunha longa andaina do edificio dende que no ano 2001 o Concello e mais a empresa Unión Fenosa asinaran nun convenio a cesión do inmoble á administración local. Pretendíase daquela que fora o Museo da Cidade de Santiago de Compostela, contemplado polo Consorcio no Plan 93-99. Mais por falta de investimento a iniciativa non se materializou, emprazado o proxecto no antigo edificio do Banco de España.

No ano 2007 tentouse de novo a súa rehabilitación, redactándose un primeiro proxecto para acoller o Centro de Estudos Locais Anxo Casal. Para isto chegou a contratarse ó estudo Taller 8 Arquitectos facéndose un investimento de preto de 30.000 euros. Coidábase que estivera rematado no segundo semestre de 2008, mais a nova inciativa tampouco callou. Nin foi a única. A rehabilitación do edificio foi proxectado con varias funcións máis, entre elas, edificio administrativo e Museo da Electricidade. Ningunha delas chegou a materializarse.

Casa das máquinas / foto HdG

O edificio ficou así, en abandono, ata o ano 2017. Foi daquela cando se fixo urxente a intervención do Concello para o seu apuntalamento, xa que polo seu estado corría risco de derrube. Xa en varias ocasión precisárase o cercado do edificio, do que xa se desprendera parte do tellado e unha ampla cantidade de cristais. Foi daquela apuntalado, e as súas fiestras e tellados desmontados, conservándose unicamente os seus muros. Así ficou ata o convenio entre Deputación en Concello na que so se precisaba a definición dunha nova función que foi decidida nas pasados semanas durante a última campaña de participación cidadá.

O edificio é unha das xoias da arquitectura industrial da cidade. Do primeiro cuarto do século XX, foi deseñado polo arquitecto compostelán Jesús López de Rego para fábrica da electricidade, a segunda en funcionar despois de que a finais do século anterior se levantara a da Sociedad de Gas y Electricidad no lugar no que hoxe está o ensanche da cidade. O edificio conservado dende 1919 é unha excepcional peza de arquitectura que funde tipoloxía fabril con estética modernista e que é unha das arquitecturas máis significativas da adaptación do estilo maduro de López de Rego a unha tipoloxía industrial.

Casa das máquinas / foto HdG

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: