fbpx
Fonte de San Xian de Moraime descuberta por Chamoso Lamas / foto AXA Arqueoloxía

A fonte “romana” de Moraime posiblemente non fora romana

Tempo de lectura: 2 min.

A fonte do xacemento de San Xián de Moraime moi probablemente non fora romana. Así o aclaraba a empresa AXA Arqueoloxía fai uns días nas súas redes sociais, despois de “redescubrila” baixo o novo substrato dos terreos ó sur da parroquial románica. E é que “esta atópase construída sobre varias tumbas de laxa do século VII-VIII, cortando as mesmas, o que nos indica que a fonte non é dese momento”.

É que esta é, previsiblemente, a nova máis importante das conclusións que deixarán ás sondaxes feitas pola empresa no lugar, nuns arredor de 64 metros cadrados e que remataron a pasada semana. As sondaxes, feitas para avaliar o estado da escavación que fixo na década de 1970 Manuel Chamoso Lamas, remataron coa constatación do “potencial do xacemento arqueolóxico de Moraime”, cunha “secuencia histórica moi interesante e ilustrativa, que comeza coa construción dunha vila romana, da cal se atoparon restos estruturais e materiais” e que “remata coa construción do mosteiro románico de Moraime”.

Así, a pesares de que a fonte non correspondera con aquel período, as sondaxes si certificaron a presencia de restos do que podería ser unha vila romana. Segundo a empresa esta “foi continuada por un xacemento tardo antiguo que se inicia cunha necrópole de fosas escavadas en substrato” e “tamén, unha necrópole de tumbas de laxa de arco de paréntese” que se corresponderían co “século VII-VIII”. Por último, tal e como xa apuntara Chamoso o substrato superior corresponderíase con estruturas do antigo mosteiro románico, momento ó que, segundo eles, correspondería a fonte. Segundo a empresa o xacemento aparecería “parcialmente arrasado na zona de escavación de Chamoso Lamas pero con estruturas intactas ó redor”.

San Xian de Moraime tras as sondaxes / Foto HdG

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...