fbpx
Piñeiro araucano do Castelo de Soutomaior / Deputación de Pontevedra

Apoia a un piñeiro de máis de 150 anos do Castelo de Soutomaior para que sexa árbore europea do 2019

Tempo de lectura: 2 min.

Queda pouco para coñecer cal será a ‘Árbore Europea do 2019’. E entre as candidatas está o piñeiro araucano dos xardíns do Castelo de Soutomaior, que é a única candidata galega entre as dez do estado español.

Por iso, a Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), está a dar un último pulo a súa candidatura. O voto pódese realizar na páxina http://www.arboleuropeo.es/vota-arbol-del-ano-en-espana-2019/ .

A campaña a favor do piñeiro araucano do Castelo de Soutomaior rematará o venres 23 e leva activa dende o pasado mes de outubro. Dende entón a deputación promoveu a votación na súa páxina web, en redes sociais, e entre centros de ensino e colectivos colaboradoras. Nestes momentos a participación está en fase ‘secreta’, xa que non se pode ver o número de apoios cos que conta cada unha das opcións.

Segundo manifestou a deputada Eva Vilaverde, a intención da Deputación con esta candidatura é acadar o mellor posto posible na clasificación, mais subliñou que o obxectivo último “é dar a coñecer toda a riqueza natural da provincia”, na liña do traballo da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico.

Visitas teatralizadas no Castelo de Soutomaior / Juanma Lodo

Por que esta especie

Hai diversos motivos polos que a EFA escolleu o piñeiro araucano como peza botánica singular, tanto dende o punto de vista da súa morfoloxía como pola súa historia dentro do Castelo de Soutomaior. A Araucaria araucana ten uns 150 anos, alcanza os 27 metros de altura –é das máis altas de España- e ten 2,67 metros de perímetro basal–está entre as de maior envergadura de Europa-, conta cunha verticalidade case perfecta e comeza a súa copa aos 21 metros. A pesares de non ter unha beleza deslumbrante, trátase dun dos exemplares da flora alóctona galega máis notable do ‘Catálogo de árbores e formacións senlleiras de Galicia’ dende a súa creación (2007) e supón unha rareza, dado o pouco frecuente que é esta especie adulta no país.

A importancia desta árbore é tal existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia (as primeiras datan de 1879, no diario político ‘La época’); tamén está referenciada no libro ‘Árboles chilenos del mundo’ escrito por Rodrigo Fernández Cargo; e está incluída na web monumentaltrees.com, onde se recollen as pezas botánicas máis salientables do planeta. Así mesmo, é “testemuña viva” da historia do Castelo de Soutomaior e das xuntanzas políticas do século XIX, así como tamén da vida da coñecida feminista adiantada á súa época, María Vinyals.

Os competidores do piñeiro araucano pontevedrés están fundamentalmente na franxa mediterránea: piñeiro laricio de La Yesa (Valencia), pinsapo de Grazalema (Cádiz), algarrobo de Foia Brell (Alicante), piñeiro da Virxe (La Palma), olmo de Navallas (Castellón), amendoeiro Real (Badaxoz),  olivo Milenario ‘La Farga del Arión’ (Tarragona), palmeira imperial (Elche) e piñeiro de Roble de Peñascosa (Albacete).

Pode que che interese...