Alba de Gloria, detalle do vídeo promocional / foto youtube.com (Consello da Cultura Galega)

Así é a “a Santa Compaña de inmortaes galegos” da que falou Castelao

Tempo de lectura: 3 min.

“Si no abrente d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria”

En xullo de 1948, co gallo do Día da Patria Galega, no festival do Centro Galego de Bos Aires, no exilio, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, daba o seu famoso discurso Alba de Gloria. Nel retratábase a mañá do 25 de xullo, o Día de Galicia, baixo un singular e evocativo un imaxinario territorial e cultural que reflicte, segundo se di, como ningún outro as aspiracións ideais do político e artista. Nel trázase unha poderosa imaxe visual na que unha sorte de santa compaña é conformada polos personaxes máis representativos da historia de Galicia.

E é que hoxe, 70 anos despois dese histórico discurso, unha mostra impulsada polo Consello da Cultura Galega evoca aquel momento singular da nosa historia. A mostra, comisariado polo xornalista Manuel Gago, ten por obxectivo percorrer aquel discurso con minuciosidade e achegarse ós sentimentos dos asistentes, empregando para isto, ademais dos recursos tradicionais, as novas tecnoloxías.

Alba de Gloria, detalle do vídeo promocional / foto youtube.com (Consello da Cultura Galega)

Tal e como recolle a web do Consello da Cultura, para a exposición ´Alba de Gloria´ apostouse por converter á igrexa de San Domingos de Bonaval nun espazo que permite coñecer as orixes e os significados do discurso e compartir a emoción dos asistentes á súa primeira lectura en 1948. A través de interpretacións dramatizadas, dun labirinto coas figuras do discurso a tamaño real, de infografías interactivas e dun sistema de realidade virtual inmersiva, os asistentes mergullaranse nas ideas, nas figuras e no relato da historia galega realizado por Castelao.

Así, o desafío tecnolóxico da exposición está na reconstrución da propia figura de Castelao, que interactuará cos visitantes na experiencia virtual. Para a súa realización, empregouse toda a documentación gráfica, audiovisual e plástica dispoñible sobre a súa figura ata crear un modelo tridimensional e dixital moi preciso do Castelao do ano 1948. Canda el, ata un total de sesenta e unha personalidades e figuras da historia de Galicia mencionadas no discurso e ás que Castelao lle deu unha gran plasticidade e forza visual, tamén recreadas e animadas cun gran nivel de detalle.

Alba de Gloria, detalle do vídeo promocional / foto youtube.com (Consello da Cultura Galega)

Segundo explicou Manuel Gago, sería o seu último discurso público pronunciado por Castelao cando “sabe que probablemente non volverá a Galicia” e é consciente do débil da súa saúde. Segundo el, a pesar diso traslada ós oíntes unha mensaxe “de futuro” e optimismo que habería de emocionar profundamente ó seu auditorio. É por isto que a intención desta exposición é trasladar esa emoción ó presente recordando vívidamente este seu derradeiro discurso público.

“Podemos imaxinar, por exemplo, unha Santa Compaña de inmortaes galegos, en interminabel procesión. Alí veremos as nobres dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria. Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra dos seus pecados ou dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tansiquera seríamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns verémolos revestidos con ricos panos e faiscantes armaduras; pero os máis d-eles van descalzos e nús, cos osos prateados pol-o fulgor astral.”

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: