fbpx
Hórreo de Ozón en Muxía, o sexto máis longo de Galicia / Foto HdG

Así é o descoñecido hórreo de San Martiño de Ozón, no top-ten dos hórreos galegos

Tempo de lectura: 2 min.

Moi preto de San Xian de Moraime, no Camiño entre Santiago e Fisterra, ó seu paso polo Concello de Muxía, atópase un dos mosteiros máis descoñecidos de Galicia e da propia Costa da Morte. Trátase do Mosteiro de San Martiño de Ozón, un edificio desamortizado pero conservado en gran medida como parroquial e reitoral. A parroquial é un singular edificio románico do século XII que conserva aínda gran parte da súa estrutura orixinal con singulares canzorros labrados e dúas das súas tres ábsidas da cabeceira; a reitoral, pola contra, ocupa parte do edificio monástico, que en parte se remontaría ó século XIV. Coa reitoral conserváronse varios edificios anexos, entre eles destaca especialmente un hórreo que ten o privilexio de situarse no top-ten dos hórreos galegos polas súas dimensións.

É o hórreo de San Martiño de Ozón, que é exactamente o 6º hórreo máis longo de Galicia con exactamente 27,20 metros de longo. É un hórreo de estilo fisterrán, de feito é o máis longo desta tipoloxía se non se teñen en conta os de Lires e Carnota, e sitúase no top-ten dos hórreos galegos por detrás tan so dos catro en disputa Araño, Lira, Carnota, Poio e máis o do Pazo do Monte en Ferrol. Máis a diferencia dos de Lires e Carnota é sinxelo sen grandes adornos, destacando sobre eles por este mesmo motivo: non é un hórreo para lucimento senón para a verdadeiramente conter as ricas rendas do mosteiro.

O hórreo de San Martiño de Ozón conta con 22 pares de pés, todos eles de feitura cadrada con bisel, con tornarratos circulares. Elévase, ademais, sobre un pequeno podio non moi visible a simple vista que salva a diferenza de pendente nos seus máis de 27 metros de desenrolo. Como non podía ser doutro xeito, é todo de perpiaño, con 44 pares de fiadas de pedra labrada e posúe como singularidade dous pinaculiños, un por extremo, en lugar de pinaculiño e cruz. Aparentemente data do século XVIII.

O hórreo ten una singularidade máis, polo menos dende o punto de vista do patrimonio cultural, pois o hórreo atópase nun conxunto especialmente singular. Ó pé da antiga reitoral, xunto a pombal, labradío, galpóns e fonte áchase un singular camiño empedrado que conduce con varios cruceiros monumentais ó núcleo da aldea de Ozón. Por el pasa o Camiño de Santiago. O mosteiro conserva partes que se poderían remontar ata o século XIV e edificios de diferentes momentos a partires desta data, moi probablemente dos séculos XVIII e XIX. Nel destaca ademais un singular pasadizo cun arco gótico. O conxunto domina a aldea de Ozón e máis as terras de labradío deste val.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...