fbpx
un mamut semellante ó do Incio / foto tkellepicsCC0

Cando en Galicia había elefantes, rinocerontes, hipopótamos e… mamuts

Tempo de lectura: 2 min.

Na Mariña Lucense podería haber presenza humana que se podería remontar ata 700.000 anos, nun momento na que a paisaxe o clima eran moi diferente aos de agora. Aqueles primeiros habitantes desa terra eran grupos humanos que se moven polo territorio na procura de alimentos. Son recolectores de froitos e raíces e aproveitan o carroñeo de especies mortas por outros carnívoros.

“Nestes momentos iniciais da humanidade, non se practica a caza selectiva ou planificada. Podían abater algún animal dunha forma moi rudimentaria, a pedradas ou con trampas, pero non tiñan lanzas ou instrumental de caza”, apunta nunha entrevisa no Xornal da Mariña o director do Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba (MUPAV), Eduardo Ramil, que impartirá unha conferencia sobre os primeiros poboadores da Mariña convidado por Mariña Patrimonio.

En Louselas documentáronse entre 500 e 600 pezas da mesma época o que fai pensar nun asentamento de certa envergadura, nunha comunidade ampla intentando explotar os recursos deste territorio próximo á costa na veiga do Eo. Nese momento, segundo Ramil, a ría non estaba aínda configurada e a liña costeira estaba 13 quilómetros mar adentro. “O mesmo acontece en Nois: a zona foi comida polo mar, os materiais documentados apareceron nun cantil que se está desmoronando”.

Recreación dunha escena de caza no Paleolítico

Con que especies animais compartían o territorio eses primeiros poboadores?

“Falamos dun periodo de cambios de fase climática cada 100.000 anos, polo que pasamos de paisaxes de bosque semitropical a paisaxes de sabana. Isto trae consigo cambios na fauna. En épocas cálidas, elefantes, rinocerontes ou hipopótamos e, en épocas frías, outras especies adaptadas a esas condicións climáticas como os mamuts”, suliña.

As primeiras evidencias son do Paleolítico Inferior, dunha franxa entre os 500.000 e os 200.000 anos. Os restos localizados no xacemento de Louselas en Ribadeo situaríannos nas cifras inferiores. “Non temos elementos que nos permitan afinar máis na datación. Os restos adscríbense a un determinado momento tecnocultural e, a partir de aí, sácanse conclusións en canto á cronoloxía”, indica ao apuntar que as intervencións realizadas nas dúas últimas décadas acreditan a existencia de elementos de tecnoloxía semellante no Val do Loira con 700.000 anos de antigüidade. Podes ler toda a entrevista aquí.

 

Pode que che interese...