fbpx
Curtidoría da Chaínza en Noia / foto deloa.es

Cando o coiro era o motor económico de Galicia… O caso da Curtiduría da Chaínza de Noia

Tempo de lectura: 3 min.

O Concello de Noia quere que a vella curtidoría da Chaínza sexa o referente para a rehabilitación da vila na súa beira oeste, na parroquia de Obre. Para isto nas próximas semanas investirá uns 20.000 euros nunha nova actuación de consolidación da antiga factoría de coiro, que ten por obxectivo a recuperación integral dos muros dos catro edificios conservados. Así, con esta intervención, preténdese, por unha banda, dar un paso máis na recuperación do inmoble en vista a unha futura rehabilitación, pola outra, evitar a perda dos mesmos por derrubes mellorando con isto a seguridade do lugar.

E é que o complexo industrial da Chainza foi mercada polo Concello no ano 2010 co obxectivo de que fora un referente cultural e patrimonial da vila. Pretendíase daquela recuperar o conxunto para albergue de peregrinos, auditorio e sede do conservatorio municipal así como musealizar os seus elementos máis destacados. Tamén se preparou un concurso de proxectos para a rehabilitación, que ficou en dique morto por falta de orzamento, a pesares de que naquel ano xa se investiran nela preto de 318.000 euros do Ministerio de Cultura e o Grupo de Acción Costeira.

E é que, daquela, o investimento limitouse a mercar o conxunto e máis a limpar e consolidar a estrutura, derrubando tamén algúns engadidos recentes. Mais, a pesares dos esforzos do Concello para atopar financiamento para o proxecto de rehabilitación de fábrica e contorna, o proxecto non se puido levar a diante. É por isto que o complexo a duras penas mantén moito máis que os seus muros, as pías de curtir e algúns elementos illados, non conservando nin forxados nin tellados. De aí a importancia de recuperación todos os seus muros e preparar o conxunto para unha intervención vindeira.

Interior da curtidoría da Chaínza / foto Grupos de Acción Costeira

Un referente industrial da vila

E é que a curtidoría da Chaínza é un dos grandes complexos industriais históricos da vila, dando traballo no seu momento a unha parte importante da súa poboación. Trátase dunha fábrica de curtidos documentada xa no ano 1700, momento de auxe da industria do coiro en Galicia. Mais a fábrica é coñecida sobre todo pola súa actividade industrial durante o século XIX cando se fixo cargo dela a familia Agra Cadarso. Foi daquela non so curtidoría senón un auténtico complexo industrial que funcionaba tamén como serradoiro e ebanistería entre outros, ademais de ser un gran referente na industria do coiro, de gran importancia na comarca.

O complexo tiña tamén algúns elementos accesorios, coma un peirao coñecido como o peirao das señoritas en referencia ás fillas de Blas Agra Cadarso, o derradeiro propietario do complexo. No lugar, parte do esteiro do río, consérvanse tamén parte do Camiño Real e unha ponte medieval, así como un lavadoiro e unha fonte rehabilitadas no ano 2011. O lugar é ademais un barrio histórico que creceu ó abeiro desta industria como un pequeno conxunto á beira da ría e prolongación do antigo barrio trans pontem.

Rehabilitación contorna

O certo é que o proxecto forma parte da iniciativa do Concello de recuperar a contorna desta zona ó oeste da ponte do Burgo. Dende este lugar, barrio histórico da vila, iniciábase o Camiño Real pasando preto da curtidoría e cruzando varias pontes entre elas unha medieval. O proxecto habería de desenvolverse en varias fases das que xa se executou a primeira, correspondente á contorna do lavadoiro. Pretendíase, ademais da renovación deste espazo e a rehabilitación da curtidoría, así como crear unha senda peonil que a conectara coa praia do Testal.

Rehabilitación da contorna do lavadoiro da Chaínza / foto COAG

De feito a primeira fase do proxecto, na zona de Chaínza, ó redor de fonte e lavadoiro, foi unha intervención especialmente destacada deseñada polos arquitectos Alfonso Salgado e Francisco Liñares que acadou o Premio Manuel Gómez Román á recuperación dun hábitat rural e foi finalista dos XV Premios COAG na categoría de Espazos Abertos Públicos. Na intervención empregouse granito das canteiras de Baroña para o lastrado e o teito do lavadoiro, recuperouse o lugar como un espazo peonil, a escala do lugar e a súa vocación de catalizador do espazo público. Tamén se recuperaron as dúas pontes da contorna, incluíndo a medieval.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...