fbpx
Dolmen de Pedra da Arca en Vimianzo / foto HdG

Chegará por fin o gran Parque do Megalitismo á Costa da Morte?

Tempo de lectura: 2 min.

Con máis de 14 xacementos relevantes localizados en 10 concellos e distribuídos polas comarcas de Bergantiños, Soneira, Fisterra e Xallas, un gran Parque do Megalitismo da Costa da Morte sería unha das máis importantes apostas turísticas de todo o noroeste peninsular. Sería, por tanto, un gran “elemento dinamizador tanto cultural como turístico no territorio” da Costa da Morte, e serviría tamén “para que a nosa sociedade teña maior coñecemento e información sobre o que é a nosa propia historia”.

Así o consideraba Xosé Regueira, o deputado de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña, cando, xunto cos dez alcaldes implicados da zona, asinaba, este pasado mércores, un convenio de colaboración para impulsar o proxecto. E é que a Deputación da Coruña vai investir a redor de 500.000 euros a executar nos vindeiros catro anos. Estarán orientados a conservar e promover o patrimonio megalítico dentro destas catro comarcas galegas.

Para isto procederase a mercar os terreos nos que se atopa o patrimonio, a sinalización dos recursos, así como a divulgación dos mesmos con iniciativas coma a mellora de rutas didácticas. Investirase tamén en promover ó acceso para o público en xeral e en concreto a accesibilidade universal ós xacementos e a súa adaptación para a visita a persoas con mobilidade reducida. Agárdase tamén que nun prazo de quince días se constitúa un comité para decidir os investimentos que se haberán de desenvolver no futuro.

Mámoa do dolmen de Pedra Cuberta en Vimianzo / foto HdG

14 xacementos nunha ruta entre Carballo e Mazaricos

Así, serán 14 os xacementos que integren o parque e que a día de hoxe xa poden ser percorridos seguindo, na súa maior parte, a Ruta dos Dolmens da Costa da Morte. Os xacementos que comporían o parque son a Pedra Moura de Aldemunde en Carballo, a Casa dos Mouros en Dumbría, a Fornella dos Mouros en Laxe, a Pedra da Arca en Malpica, o da Mina de Parxubeira en Mazaricos e a Pedra Vixía e Arca da Piosa en Zas. Os seis restantes estarían en Vimianzo, un dos concellos máis ricos en mámoas de toda Galicia, e Cabana, onde se atopa o dolmen de Dombate, a chamada “catedral del megalitismo galego”.

E é que estes dous concellos son os que maior atractivo presentan e os que xa na actualidade están a ser de seu o epicentro da divulgación do megalitismo en Galicia. Por Vimianzo transcorre a maior parte da actual Ruta dos Dolmens, onde se pode visitar Pedra Moura, Pedra Cuberta, Casota de Berdoias, Arquiña de Vilaseco, Pedra da Lebre ou de Serramo e Mina de Recesindes. Pola contra en Cabana, sobre o famoso dolmen de Dombate, atópase na actualidade o Centro de Interpretación do Megalitismo de Galicia, que sería sen dúbida a infraestrutura referente para o parque.

Dolmen de Dombate / foto Íñigo M. Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...