Ilustración sobre a Batalla de Brunanburh, do libro 'Viking-Hersir", de Osprey

Como coñecer as técnicas de combate, as indumentarias e as armas de guerra de Roma e da Idade Media

As armas propias dos cabaleiros como a espada de man e media, a espada dunha man e escudo ou broquel, a daga de rodela, a loita medieval ringen; os combates con armas de infantería pesada como o mangual, a maza, o martelo de guerra, as machadas…; as armas de hasta como as alabardas ou a lanza partisana; ata o combate do pobo con paus como o quarterstaff ou pau longo inglés, o pau galaico-portugués…

Son parte das armas que se puideron ver este martes no seminario sobre “Armas de Roma e da Idade Media. Tipoloxía, biomecánica e técnicas de combate”. Unha xornada na que destacou a arma por excelencia da Idade Media; a espada bastarda, usada nos séculos XIII e XIV.

A Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares foi a organizadora deste seminario. Unha iniciativadirixida aos alumnos do Máster e do Programa de Doutoramento en Estudos Medievais da USC e, en xeral, a estudantes de Historia, Historia da Arte e das distintas Filoloxías. Centrouse no uso das armas, na indumentaria e nas diferentes técnicas de loita empregadas dende o Imperio romano, con especial incidencia na Idade Media.

Integrantes do Club Falcata de Artes Marciais Históricas Europeas de Vigo con armas de época

Especialistas

No seminario participaron varios integrantes do Club Falcata de Artes Marciais Históricas Europeas de Vigo, que dirixe Ricardo Soto, doutor en Educación Física e Deportes. Soto explicou que levan anos buscando a parte máis científica e histórica das artes marciais, a través do estudo de tratados antigos. “Mediante a análise das fontes documentais que chegaron ata os nosos días e a aplicación da ciencia biomecánica estudamos as técnicas de combate usadas en distintos períodos históricos, dende a época romana ata a napoleónica, pasando pola Idade Media e o Século de Ouro” -apunta-.

“A riqueza marcial de Europa durante a Idade Media está recollida en múltiples tratados da época, nos que se detallada con gran precisión cada unha das técnicas empregadas. A documentación escrita que se conserva amosa a sutileza e a psicomotricidade fina coa que compría executar estas técnicas, ao tempo que a mertalurxia estaba moito máis desenvolta que noutros lugares” -explicou o experto-. E sinalou que o cinema é un dos principais responsables de que aínda se manteña a crenza de que as artes marciais proceden de Oriente, dos antigos guerreiros samurais.

Preocupación polo adestramento militar

Por outro lado, Soto resaltou que ao longo da Idade Media os señores feudais tiñan unha preocupación especial pola preparación das súas tropas. Así, había adestradores, mestres de armas, axudantes de mestres de armas… e os soldados dedicaban boa parte do seu tempo a adestrar as diferentes técnicas de combate.

Por outra banda, a profesora de Historia da Arte da Universidade de Santiago Dolores Fraga salientou que “as armas e a súa evolución é un campo de estudo interesante para as investigacións sobre a Antigüidade e a Idade Media, dende unha perspectiva interdisciplinar, que inclúe a historiadores, historiadores da arte, filólogos…”. Ademais, explicou que “o perfil e as variacións destas armas co paso do tempo reflicten a consecución de elaboradas técnicas de combate, que inflúen noutros campos da Historia da Arte como a evolución dos sistemas defensivos (fortalezas, murallas das cidades…).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: