fbpx
Portalén no solsticio de inverno / O embigo do becho

Como se forxou a lenda do monte do Seixo; a porta ao mundo dos mortos ( I )

Tempo de lectura: 4 min.

En resposta á pregunta que con amábel frecuencia se me plantexa, propúxenme finalmente dedicarlle unhas liñas para respondela con fundamento; obrigándome por tal a facer memoria. Tempus fugit.

Na actualidade, son innúmeras as publicacións -en formato impreso ou electrónico- que se fan eco da existencia na comarca de Montes do monte do Seixo, coa súa ben gañada reputación de enclave mítico, de montaña sagrada. As referencias a Portalén, o sanctasanctórum, son aínda máis numerosas. Aledámonos moito. Non obstante, ningunha das publicacións aludidas -quizais por esquecemento, quizais por descoñecemento- lle dedican espazo a explicar como, da nada, sen contar aínda hoxe cunha mínima infraestrutura, o monte do Seixo se chegou a converter no parque temático por antonomasia da nosa mitoloxía popular. Decidido a iluminar un esforzado e entusiasta labor de anos, enfío a liña temporal dos feitos.

O fenómeno cultural do monte do Seixo-Portalén ten data de inicio: abril do ano 2002. As primeiras referencias escritas verbo do patrimonio inmaterial do monte do Seixo apareceron no libro “Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral”, publicado por Edicións Cardeñoso nos sobreditos ano e mes. No eido mitolóxico, o capítulo VI, intitulado “Pedra de gran. Litonimia, arqueoloxía e lenda en terra cerdedense”, emprega 54 páxinas (523-577) para enumerar e describir con brevidade os froitos do traballo de campo que realicei a finais da década dos noventa na parroquia de Cerdedo e a súa contorna, lar dos meus devanceiros e indelébel paisaxe infantil. No tocante á mitoloxía, moito do material recollido remitíame inelutabelmente ao monte do Seixo. Cumpría, pois, profundar no asunto.

Aplicando o método adquirido nas aulas de Compostela e provisto dun caderno de notas e unha gravadora Philips D6280, pateei de novo aquelas aldeas durante os meses seguintes, petando en canta porta se me ocorreu ou me aconsellaron, preguntando e repreguntando, con paciencia, con respecto; até recadar dos meus informantes (mormente, octo e nonaxenarios) unha valiosa información que a piques estivo de marchar con eles para a tumba. Ao mesmo tempo, a construción do parque eólico (1999-2000) devastaba a malfadada paisaxe da serra do Cando e os seus vestixios arqueolóxicos. Pelexouse, mais, todo o que se fixo por preservar a integridade da penechaira foi insuficiente. Non obstante, case vinte anos despois, fortalecidas coas evidencias as nosas reclamacións, seguimos estando por aquí; non desfalecemos.

Participantes da andaina de Rutas de Historia diante de Portalén / J. Soto

As lendas e as referencias arqueolóxicas

Entre outros lemas mitolóxicos do Seixo e arredores, no capítulo VI do “Inventario xeral” deuse primicia da Almofadiña de Pirocha (a Moura doncela), do ar da Penadaiga, das Brañas Rubias, do Campo do Boi, da Casa da Neve, do Castro Grande (galiña dos pitos de ouro, rato Rabisaco), do Castro Pequeno, de Cavaladrós, do Chan de Mamas, dos Coios Brancos, da Cruz do Seixo, da Feira Vella, da fonte de Sanabarrigas, da fonte dos Belberichos, da Fontefría, do Home Longo (ou da Legua), das lagoas de Xestido, da Laxa Mosqueira, da Laxamoura (a Moura vella), do Marco do Vento, do Ollo de Bouciga, do Outeiro da Cama, do Outeiro das Lúas Novas, do Outeiro do Coto, dos outeiros da Penadrosa, da Penadaiga, do pozo da Muller Morta, do pozo Sangoento (serpe Bichoca, besta branca ou cabalo unicornio), da regueira de Picamillos, da santa Mariña, do Tecelán de Carballás, da Trampa do Lobo, de Trentinán (ou Trintinán), da Urceira de Graubuliña, da Ventá do Areal… Así mesmo, dedicóuselle unha entrada ao propio monte do Seixo (páxs. 553-4).

Dos corenta personaxes e lugares consignados apenas existía bibliografía de sete: o Castro Grande (catálogo arqueolóxico; galiña dos pitos de ouro), o Castro Pequeno (catálogo arqueolóxico), Chan de Mamas (catálogo arqueolóxico), as lagoas de Xestido (cita do Padre Sarmiento en “Viaxe a Galiza de 1745”), a Laxa Mosqueira (citas do Padre Sarmiento en “Viaxe a Galiza de 1745” e “Colección de voces y frases gallegas”, 1746-1770); cita de Cabeza Quiles en “Os nomes da terra”, 2000) e o Marco do Vento (cita de Rdez. Fraíz, 1961).

Dei por concluída a achega do “Inventario xeral” da parroquia de Cerdedo, proxectando animoso a elaboración dunha triloxía cerdedense. Sen me decatar, nacía a colección “Cerdedo in the Voyager” (e alá van 18 volumes). Ordenada e redactada unha pequena parte daqueles iniciáticos e primeirizos apuntamentos e horas de gravación, entreguei o papelorio á editorial a comezos de 2002, cadrando co meu ingreso na asociación cultural e medioambiental Verbo Xido de Terra de Montes.

O investigador e divulgador Carlos Solla / Galipedia

Libros e conferencias

A directiva de Verbo Xido, da que formei parte, encargoume a organización dos actos na honra e lembranza do Padre Sarmiento, autor ao que, en 2002, se lle dedicaba o Día das Letras Galegas (véxase a memoria de actividades do colectivo 2001-2003). Amais dalgunha charla e un feixe de artigos aquí e acolá, deseñei o Roteiro Sarmiento de Cerdedo, conxugando nun itinerario as dúas rutas descritas polo relixioso na súa obra “Viaxe a Galiza de 1745”. Sarmiento visitara Cerdedo en 1710 e 1745. A primeira edición do noso Roteiro Sarmiento data de maio de 2002. Con inicio e remate na vila de Cerdedo, os participantes naquel paseo de estrea fixemos, xaora, un alto explicativo perante as ruínas do pazo das Raposeiras (Meilide). Xa por aquel entón intuía, sen probas, que o Padre Sarmiento, tataraneto do capitán Gosende, viñera ao mundo ao abeiro daqueles muros. As investigacións do profesor Santos Puerto (2008) virían corroborar que non andabamos desencamiñados.

No mes de xullo de 2002 presentei en Cerdedo o libro “Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo”. Ben seguro, na relación das estacións míticas do monte do Seixo, os lectores botan de menos a hogano célebre Portalén. A porta do Outro Mundo non se rexistra no “Inventario xeral”, porque, aínda contando con alusións abondas, non foi até o verán de 2002 cando, por fin, dei xuntado no alto do monte unha delegación dos meus informantes, coa misión de identificar entre o amplo mostrario de afloramentos graníticos aquel que se asociaba coa tradición de ultratumba e que eu consideraba de relevancia excepcional (léase Faro de Vigo-Terra de Montes, 7-1-2012). Entre outros impedimentos e dilacións, os petrucios non disimulaban o seu fastío por subir ao Seixo e atestar in situ a desfeita provocada pola instalación do parque eólico: “Este xa non é o noso monte”, dicían. E razóns non lles faltaban.

Continuará…

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...