Portalén no solsticio de inverno / O embigo do becho

De cando se publicou sobre o “santuario perdido dos celtas”

Terceiro artigo sobre “Como se forxou a lenda do Monte Seixo” tras a publicación da primeira parte e da segunda.

O ano 2008 supuxo un punto de inflexión no labor promocional e de posta en valor do acervo da montaña. Coma sempre, sen axuda institucional ningunha, elaborouse e publicouse “Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas”. En opinión dunha agarimosa maioría, “O santuario” (168 páxinas a cor prologadas por Antonio Reigosa) é un libro necesario, útil, digno e mesmo fermoso. Esta publicación esixiu redobrar esforzos. Ao tempo que se ía dando a coñecer, recuperábase o moito diñeiro investido. Vendéronse centos e centos de exemplares, xa a pé de obra, xa en innúmeras presentacións por toda a nosa xeografía. Belamente retratada, Portalén ocupaba as páxinas 140-145.

No “Santuario” anovouse o escaparate mitolóxico do Seixo, engadindo un mapa pormenorizado, oito posíbeis roteiros e novos textos dedicados á analise do enraizado mito da fin do mundo e do contexto histórico-mítico de Portalén (A Legua do Frade); todo isto, resultado de novas investigacións e achádegos. Afondouse nas calidades de antigo lugar asembleario, santuario rupestre (oenach), salientando a figura da Moura (na súa tripla manifestación) e do seu correlato cristiá, a santa Mariña, consonte o maxisterio dos admirados arqueólogos Blanca García Fdez.-Albalat e André Pena Granha.

Recuperado o investimento, os cartos obtidos coa venda directa do Santuario tamén se destinaron a fornecer o labor cultural desenvolvido pola asociación Verbo Xido (até 2010) e polo colectivo Capitán Gosende (dende 2012).

Tamén en 2008 decidín darlle forma a un blog “O Embigo do Becho”, bitácora persoal coa que, entre outras inquedanzas, compartín fotografías e reflexións sobre o Seixo en forma de notas ou artigos que, en paralelo, sempre atopaban oco na prensa local e nos máis diversos recunchos da Internet. Entrementres, no seo do colectivo Serpe Bichoca, escribín e codirixín o documental “Monte do Seixo. A Montaña Máxica”, adaptando os textos aparecidos na “Reividincación” e mais no “Santuario”. O documental estreouse con éxito no Teatro Principal de Pontevedra en novembro de 2009. Foi emocionante inmortalizar na filmación o testemuño dos sabios da tribo. Diante das cámaras falaron, entre outros, as señoras Manuela de Barro e Pura de Cavenca; e mais os señores Xosé da Fonte e Vinicio da Cavadosa. A señora Manuela legounos a lenda do Tecelán de Carballás e o señor Xosé, os prodixios de Portalén.

Portalén, a coñecida como unha porta o máis alá, no Monte do Seixo / Carlos Solla

Tamén, por aquelas datas, mandáronse imprimir as primeiras camisolas adobiadas co reclamo de Portalén e outros motivos promocionais.

En abril de 2011, en Narón, co gallo do congreso “Os celtas da Europa Atlántica” (III Congreso Internacional sobre a Cultura Celta), defendín diante dunha nutrida e douta concorrencia os méritos do monte do Seixo. O xornal El País (16-4-2011) titulaba: “El monte do Seixo, en Cerdedo, es el particular Olimpo del celtismo”.

O 27 de agosto de 2011, dez anos despois da posta en funcionamento do parque eólico, a confraría da Montaña Máxica deuse cita no alto do monte para esixir a pronta retirada dos aéroxeradores. Puxando do adival, a derruba simbólica dunha das tarabelas foi o máis retratado da xornada.        

Ao longo dos anos seguintes, integrando a colección Cerdedo in the Voyager, a “Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo” (2009) e a serie “Retrincos” nutríronse de artigos que abordaban dende perspectivas diversas a singularidade do noso monte. En “O código da vincha” (2012), “As pedras da tribo” (2014), “A conxura dos Gosende” (2015) e “Ao saimento de nós” (2017), incluíronse ítems coma os seguintes: “A Leghua dos Mouros”, “De cando rei Artur acadou os cumes do Seixo”, “E se o monte do Seixo for o mons Medulius?”, “María Diz: nome e apelido da céltica Deusa Nai en Terra de Montes”, “Ano 10 despois de Portalén (10 d. P.): O irrefreábel atractivo da Montaña Máxica”, “Ara a Mercurio. Vestixios dun altar votivo no alto do Seixo”, “As pedras guiadas do Castro Grande”, “Xenealoxías míticas”, “O rato Rabisaco no cartafol da lúa chea”, “Cerdedo e o solsticio de verán III”, “O monte do Seixo: Trece anos de abandono”, “O IES de Forcarei visita o monte do Seixo”, “O colexio de Cerdedo visita o monte do Seixo”, “Capitán Gosende fai historia en Cerdedo”, “As sete marabillas de Cerdedo I”, “Os doce traballos de Capitán Gosende”, “Romeiros do Alén”, “Romeiros do Alén, xente boa e xenerosa”, “Reminisencia do rato Rabisaco” etc., etc.

No ano 2016, o monte do Seixo volvía atraer a atención do gran público, advertido a través dos xornais, das publicacións na Web e das redes sociais. A chaira da Santa Mariña converteuse en escenario da XXXIX Romaxe de Irimia. Coorganizado polo colectivo Capitán Gosende, o evento xuntou na montaña a uns 2.000 romeiros. O acto, celebrado o segundo sábado de setembro, non tivo precedentes.

Prodigueime nas radios, atendín á chamada das canles de televisión, respondín a toda canta entrevista se me plantexou. Tentei, na medida das miñas posibilidades, manter o monte do Seixo afastado do frikismo e negueime a colaborar cos que pretendían lucrarse coa galiña dos pitos de ouro.

O monte do Seixo cativou o ánimo de moitos curiosos que ao longo deste anos -ora a través das miñas publicacións, ora de oídas- gustaron de reproducir nos seus libros, blogs ou webs os consabidos valores da montaña: uns con máis fortuna ca outros; uns con máis xenerosidade ca outros; uns coa loábel intención de servir, outros coa única intención de servirse. O “copiaapega” tamén contou con adeptos. Algúns nos agasallaron coa cortesía da cita, outros, por omisión, asumiron o mérito.

A piques de rematar 2018, dezaseis anos despois da dar a coñecer o acervo do monte do Seixo e mais de Portalén; dezaseis anos depois de preservar coa fala e coa escrita o tesouro inmaterial do monte do Seixo e superando a cifra dos 4.000 visitantes guiados, expreso a miña satisfacción polo labor desenvolvido. Nunca tanto se acadou con tan poucos medios. Deuse revivido un dos nosos santuarios ancestrais, atraendo por vía directa a máis de 6.000 persoas; por vía indirecta, o número é incalculábel. Isto foise facendo realidade sen pedirlle un peso aos concellos repercutidos e sen desfalecer fronte ao derrotismo inoculado na xente polo impúdico caciquismo. Nada pedimos, nada agardamos. E nada obteremos por xustiza, mentres aquel pobo permaneza prisioneiro dos seus medos e dos seus prexuízos. Da fonte do problema xamais poderá manar a solución.

Os integrantes de Capitán Gosende fotografianse no novo petróglifo descuberto / Carlos Solla

A reivindicación da Montaña Máxica esixiume vinte anos de dedicación e un innegábel sacrificio persoal. Dounos por ben investidos. Nalgures afirmei que a descuberta de Portalén e a defensa do monte do Seixo danlle sentido a unha vida. Ao meu carón, moita xente turrou e segue turrando do carro. Os roteiros que o colectivo Capitán Gosende enxeñou e promove en Cerdedo (Sarmiento, Montaña Máxica, Pedre milenario e A Pantalla) déronme a oportunidade de coñecer e trabar amizade con ducias e ducias de persoas afervoadas e xenerosas. Camiñando á súa beira, constatei que a salvagarda da nosa cultura se apontoa apenas no cerne dos colectivos e das asociacións. Teño a esperanza de que cando haxa que ceder o testemuño, algún dos moitos iniciados prosiga a tarefa.

Nada cae do ceo, nada se consegue sen esforzo. Que difícil é facer agromar a maxia dunha paisaxe asoballada pola especulación. Os millerios de persoas que canda min patearon o Seixo e os milleiros que o fixeron atraídas polo resón dos nosos pasos conseguiron forxar a lenda do monte do Seixo. Portalén é, hoxe por hoxe, destino obrigado da galeguidade. Oxalá esta nova condición sexa determinante para, en breve prazo, librar o monte da chatarra eólica.

Vémonos no Seixo, na soleira do Outro Mundo.          

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: