Están a converterse os grandes edificios relixiosos de Galicia en hospedaxes?

É un feito, a falta de vocacións relixiosas están a facer languidecer a maioría dos conventos e mosteiros de Galicia, así como tamén os seminarios maiores e menores. Cada día son menos os monxes ou monxas que habitan os que outrora foran os grandes centros de poder de Galicia e cada día as súas actividades relixiosas van a menos. Por isto moitos conventos, mosteiros e seminarios do noso país están a encher as súas portas co baleiro que ata o de agora ocupaban as vocacións relixiosas, co empuxe que seguen a ter as diferentes rutas do Camiño de Santiago.

E é que o último anuncio foi o do Convento do Carme de Padrón, unha vila que está a ter un importante pulo nos últimos anos polo tránsito de peregrinos do Camiño Portugués. Neste caso preténdese converter o convento dominico, un dos grandes símbolos da localidade e no que tan so fica un monxe, nun gran centro de acollida e albergue para grupos. A iniciativa é dunha grande empresa galega con experiencia en este tipo de actuacións, que pretende ofrecer ós peregrinos da ruta portuguesa un lugar onde prime o recollemento e o descanso, destacando a faceta máis espiritual do camiño.

Convento do carme de Padrón / foto turismo.gal

Mais non é nin moito menos o único dos exemplos, pois a adaptación de edificios relixiosos para albergues e hospederías está a aumentar significativamente nos últimos tempos. No Camiño Francés o mosteiro de Sarria xa sofreu o mesmo proceso. Tamén o seminario de Mondoñedo ou o convento de Sobrado foron convertidos en albergues. En Santiago tanto o seminario maior como o menor foron convertidos en hospederías, xunto coa Casa de Exercicios Espirituais e máis o hotel que foi situado no convento de San Francisco.

Mais o caso máis significativo é sen dúbida o do Camiño Portugués, unha das rutas que máis está a aumentar o número de peregrinos. No seu percorrido por Galicia ata seis grandes edificios relixiosos están a ser adaptados á función de albergue ou hospedería. Entre eles están o antigo seminario de Tui, a casa reitoral de Redondela, o Santuario das Aparicións en Pontevedra, o Colexio de Monxas de Caldas de Reis e o convento de San Francisco de Herbón. A última adquisición, a non moita distancia deste último, será o convento do Carme de Padrón, un dos grandes conventos de Galicia.

Seminario de Mondoñedo / foto turismo.gal

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: