fbpx
Parte do claustro gótico da Colexiata do Sar / Galipedia

Galicia vive unha onda de roubos en igrexas semellante a dos anos 80

Tempo de lectura: 2 min.

Os roubos nas igrexas rurais seguen á ser unha triste realidade no noso país, especialmente, este ano. Son tantos os roubos que hai expertos que sinalan que o que se está a vivir na actualidade é semellante aos grandes roubos de pezas de arte relixiosas que tiveron lugar nos anos oitenta.

E é que a ourivería para os oficios relixiosos, a recadación dos petos e algúns cartos en efectivo que se poden achar no seu interior, xunto co carácter illado e a falta de vixilancia, son un reclamo bastante importante para os amigos do alleo. Mais, o que ata o de agora eran actos illados en igrexas rurais máis ben afastadas, estanse a converter nunha triste realidade tamén nas cidades, convertendo a Galicia na primeira comunidade neste tipo de actos vandálicos.

O último caso foi o na Colexiata do Sar de Santiago de Compostela que na madrugada do domingo foi vítima dun novo intento de roubo. Os feitos producíronse cando os vándalos intentaron acceder a través dunha escada ás fiestras superiores. A pesares de rachar os vidros e producir danos na estrutura da fiestra os ladróns afortunadamente non conseguiron ter acceso ó interior. E é que as fiestras, pese a non posuír enreixado como a meirande parte das do andar baixo, si se atopan reforzadas con contras no seu interior, o que evitou nesta ocasión o saqueo da igrexa.

E é que non é a primeira vez que esta colexiata compostelá sufre roubos e actos de vandalismo. Xa no mes de febreiro os cacos conseguiron entrar ó interior a través da capela de San Blas, levándose, iso si, tan so diñeiro en efectivo. Ademais deste roubo a igrexa sufriu varios intentos e e xuño de 2016 apareceu enchida de pintadas, sendo o do pasado domingo o terceiro atentado que sufre a igrexa en algo máis de dous anos.

Colexiata do Sar, en Santiago / Galipedia

E é que este ano 2018 está a piques de rematar como un dos anos máis intensos no que a roubos en igrexas se trata. No pasado inverno o entorno de Santiago xa fora vítima de varios roubos en igrexas do rural. Mais tarde nos meses de xuño e agosto dúas vagas de roubos no Salnés e na Limia, respectivamente, deixaron importantes danos en non poucas igrexas destas dúas comarcas. A isto hai que lle engadir o roubo de campás como a que neste 2018 sufriu a igrexa de Redondela. E é que Galicia, segundo datos do pasado ano do Ministerio do Interior, é a Comunidade Autónoma española que máis roubos recibe en igrexas por cada cen mil habitantes, sufrindo ó redor duns 100 roubos anuais.

 

 

 

Pode que che interese...