fbpx
Nova escaleira atopada no castro de Viladonga que evidencia a complexidade das murallas/ xunta.gal

Novos achados evidencian estruturas colosais e un complexo sistema defensivo no castro de Viladonga

Tempo de lectura: 2 min.

A Consellería de Cultura e Turismo está a realizar unha campaña arqueolóxica financiada con fondos FEDER no Castro de Viladonga en Castro de Rei, grazas a cal vén de localizarse unha nova escaleira de acceso á muralla que evidencia a importancia da estrutura defensiva deste ben.

Os escalóns están axuntados ao paramento da segunda muralla que forma parte do complexo sistema defensivo deste xacemento castrexo. Este novo elemento, que enriquece a visión de Viladonga como un poboado complexo e sofisticado, apareceu durante os traballos de limpeza e re-escavación das antigas sondaxes e cortes feitos anos atrás en murallas e parapetos. O equipo de arqueólogos encargado da campaña apunta que a finalidade destas escaleiras era comunicar o corpo de garda da gran entrada aberta no leste do asentamento castrexo co paseo de rolda que percorría todo o alto da cerca.

Segundo informa Cultura, a escaleira conserva sete chanzos en moi bo estado e resulta semellante a outras localizadas neste e outros asentamentos, malia que é a primeira que está relacionada cunha porta ou sistema de acceso.

Esta campaña centrou a súa actividade na roza e limpeza da vexetación que cubría parte do sistema defensivo e dos recintos secundarios do xacemento arqueolóxico, así como na re-escavación dos antigos cortes abertos no sistema defensivo do castro, nas inmediacións da potente entrada Leste, xa fóra da croa do Castro. Pero a súa actuación fundamental consiste na re-escavación, consolidación e acondicionamento do espazo situado no ángulo nordés do interior da croa do Castro, nunha superficie de aproximadamente 900 m2.

Castro de Viladonga, en Outeiro de Rei / xunta.gal

Estrutura colosal

En canto á roza da zona exterior da croa do castro o traballo feito permite apreciar agora unha estrutura colosal ao final da antemuralla, formando parapetos e foxos. No referente a re-escavación dos antigos cortes abertos no sistema defensivo do castro o máis salientable ata o de agora é, xunto a localización das referidas escaleiras, a exhumación dun gran torreón macizo de planta redondeada, de máis de cinco metros de diámetro, que orixinalmente formaba parte das estruturas que reforzaban o sistema de acceso ao poboado. Dito torreón foi localizado nunha intervención realizada no ano 1988 pero grazas ás actuacións que se están a levar a cabo na actualidade é posible velo en todo o seu esplendor e vai ser consolidado e acondicionado para converterse nun elemento máis dentro do circuíto de visita do Castro de Viladonga. Tamén a destacar a recuperación e acondicionamento dunha pequena parte dun dos fosos, que estaba semicolmatado e que agora quedará visitable.

Por último, a actuación no interior da croa do Castro está tamén comezada e está dando os seus primeiros resultados coa definición das estruturas habitacionais alí situadas e localización dun novo tramo do lenzo interior da muralla.

Pode que che interese...