fbpx
Pórtico da Gloria antes da restauración / foto Fundación Barrié

O debate sobre o pago para ver o Pórtico da Gloria chega ao ámbito científico

Tempo de lectura: 7 min.
Felipe Criado-Boado, Director o Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do CSIC e Presidente da Asociación Europea de Arqueólogos (EAA), quere abrir neste artigo o debate tamén no ámbito profesional do Patrimonio sobre se é pertinente ou non pargar unha entrada por visitar o Pórtico da Gloria.
Santiago e o Camiño requiren un Pórtico da Gloria aberto
Buliga estes días o debate en Santiago e Galicia sobre do cobramento futuro do acceso ao Pórtico de la Gloria. Mais non cómpre reducir este debate só ao custo ou gratuidade da entrada. O aceso pode ser gratuíto e asemade insatisfactorio. Non é o prezo somentes, é o modelo de acceso o que é preciso cuestionar. Persoalmente eu apoio as visitas a un Pórtico por enteiro aberto, sen quendas, a través das escalinatas do Obradoiro, sen crebar a continuidade co resto da catedral, sen romper a relación coa fachada principal e a Praza do Obradoiro, que permita facer fotos, e que achegue información básica ao visitante. Penso que esas terían que ser os eixes do debate preciso. Pero sospeito non ser tal o modelo no que se está pensando. Creo tamén equivocado centrar a resposta unicamente na demanda da gratuidade ou na discusión encol do prezo da entrada. Ao asentar a polémica nestes termos estamos asumindo os puntos de vista do Cabido e a Fundación Catedral, e a piques de aceptar as súas razóns.

Felipe Criado-Boado, Director o Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do CSIC e Presidente da Asociación Europea de Arqueólogos (EAA) / ICAC

A mediados de setembro fun visitar coa miña familia o Pórtico de la Gloria, antes de que o pechasen por mor do comezo da nova fase da reconstrución da Catedral. Aínda que a nosa intención primeira era realizar unha visita enteiramente familiar nunha mañanciña tranquila e pracenteira do final do verán, a punto de agromar o outono, os que nos dedicamos as ciencias sociais non somos quen de afastarnos un intre da observación reflexiva do mundo social que nos arrodea, que fica sempre devolvéndonos ao noso traballo investigador. Máxime se un está entregado ao estudio do Patrimonio Cultural. As impresións da visita e a espectacularidade da limpeza do Pórtico, axiña se entremesturaron co debate encol do seu futuro. De feito, nas seguintes semanas xerouse este debate co gallo de avisar o Cabido que cobraría as entradas, logo de ter rematadas as labores de recuperación da Catedral, agora en marcha, e se reabra o Pórtico, previsiblemente no próximo Ano Santo, 2021.

Esta nova orixinou axiña respostas por parte dos grupos políticos do Parlamento de Galicia, e así mesmo do Goberno Municipal de Santiago, namentres que a Xunta de Galicia apoiaba en troques a posición do Cabido e da Fundación Catedral. Sen embargo, fóra dalgúns impactos nas redes sociais, este debate non implicou nin a especialistas, nin tampouco a cidadanía e veciñanza de Santiago. O meu propósito é, xa que logo, intervir neste debate co fin de defender, dende o campo de traballo que me ocupa como profesional e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CISIC con sede en Santiago de Compostela, formas alternativas de uso, valorización e gobernanza do Patrimonio. O que aquí está en xogo é algo máis que a sinxela idea (cuestionable polas razóns que argumentarei) do cobro da entrada ao Pórtico.
O peche do Pórtico, calquera que sexa a forma en que se produza, suporá crebar a súa inmanente unidade co conxunto da Catedral, coa experiencia da peregrinación, co entorno urbano no que se atopa (a Praza do Obradoiro), e mesmo co Finisterre do mundo medieval coñecido, co confín de Eurasia, algo que outorga fondura e sentido á Peregrinación como espazo cristiano que pecha xa non só Europa, senón a masa continental euroasiática. Esta conexión está remarcada pola luz do solpor enriba dos ouros do Pórtico de la Gloria, e pola luminotecnia da estatua do Apóstolo cos raios solares que entran polo rosetón románico da fachada, pola fiestra do Cimborrio e por unha ventá das Platerías a hora do solpor en tódolos os días xacobeos, e só neles: 25 de marzo (matirio do Apóstolo), 23 de maio (batalla de Clavijo), 25 de xullo (“depósito” dos restos en Compostela) e 30 de decembro (data da “Traslatio”), segundo apuntan estudios arqueoastronómicos recentes realizados por Bieito Vilas Estévez e César González-García.

Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago / porticodagloria.com

En cambio, no formato de visita que se ensaiou durante o verán, o acceso ao Pórtico da Gloria non é unha ventá as formas estéticas que nos precederon e a experiencia relixiosa que as alentou, senón unha demostración de forza e ubicuidade dun estado de orden e seguridade na que a omnipresencia dos vixiantes (privados) axigántase en prol dun principio teórico de salvaguarda e protección do Patrimonio. Non esaxero; calquera que teña visitado o Pórtico é testemuña disto, o que se pode dicir sen óbice da amabilidade e mesmo camaradería dese persoal. Con todo, alguén debería pensar o pouco axeitado que é que o persoal de seguridade teña máis visibilidade cas estatuas polícromas. Hoxe ámbalas dúas representacións do poder, a pretérita e a actual, (o Pórtico e os gardas) loitan sen querer por amosar cal delas é máis conspicua.

A Igrexa tería que reconsiderar a idea do peche e do cobro de entradas visto os problemas que ten para conectar cunha sociedade á que a miúdo lle virou as costas. Non ha ser doado que esta idea saiba aturar as críticas de privatización e comercialización duns bens patrimoniais que se senten propios, de todos, e que provoca un conflito nun espacio de tanto poder simbólico coma este.

De tódolos xeitos, se esta vai ser a opción final, polo menos tería que aceptarse que veciños de Santiago (ou todos os galegos) tivesen acceso gratis ao Pórtico. Requírense medidas paliativas diante da explosión turística da cidade, inevitable e ademais boa en moitos sensos. Aínda que prexudicial para as persoas que aquí vivimos. Se vivir nun destino de turismo e peregrinación mundialmente coñecido e exitoso non aporta ningunha vantaxe, que nos digan por qué temos que vivir aquí, comprometidos como veciños en aproveitar ese éxito en canto a construír unha cidade emprendedora e modélica.

Pola esquerda, Manuel Bragado (director de Xerais) e César Parcero e Felipe Criado, do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC / CSIC Galicia

Santiago de Compostela ten no “Camiño” e na peregrinación algo máis que unha fonte inesgotable de turistas e peregrinos. Ten a oportunidade de consolidar unha marca mundialmente recoñecida que debería facilitar o desenvolvemento integral da cidade. ¿É posible imaxinar unha cidade innovadora, en ciencia, en industria, en cultura vencellada á “marca Santiago”, que impulse nichos de actividade específicos relacionados cos valores desta marca? Isto implica recoñecerlle a Santiago unha identidade concreta que sexa compartida pola cidadanía, respectada polas loitas partidistas, e que integre a todos os sectores, mesmamente a Igrexa, e mesmo tamén a todos os que, estando aí, non encaixan no perfil reducido da cidade turístico-eclesial. O compromiso coa conservación do Patrimonio no que se alicerza a marca, é unha condición de partida, irrenunciable. Cómpre esixir que non se tomen decisións unilaterais sobre do destino e xestión do Patrimonio, dun xeito illado. Atínxenos a todos. Interésanos a todos acadar que o Patrimonio de Santiago non sexa só un fósil ou un mero recurso, senón un carácter que goza de proxección universal e permite basear nel unha estratexia integral de cidade innovadora.

Emporiso, penso que en Santiago e Galicia hai un tema moito máis candente, que se ve escurecido polo debate sobre as entradas do Pórtico. Santiago é unha cidade de 10000 veciños, que soporta unha marca mundial, que atura 1500000 pernoctacións, e 300000 pergrinacións en 2017, que verá agrandar moito estas cifras en 2021 (próximo Xacobeo). Santiago (tal como recentemente analicei) tense que preparar para unha explosión xeométrica de fluxo de visitantes. Polo tanto, a cidade non só ha ter grandes gastos, e precisar fortes inversións para dar servicio a tanta xente, senón que as súas infraestructuras hanse ampliar e manter aptas para prestar un servicio de calidade e responder ás necesidades derivadas que noutra situación non se darían. Quer dicir logo, que non é a entrada ao Pórtico a teima de mais importancia para a cidade. É asumir, de unha vez, que precisamos fixar como algo normal unha taxa turística que permitar pagar o custo que supón para a cidade e os seus veciños prover de servicios de calidade a un volume de visitantes que medra a un ritmo insostible, manter o patrimonio que disfrutan e, ¿como non?, beneficiar a cidade a través das inversións que a potencian, acrecentando así o benestar de todos, veciños e visitantes.
Mediante a necesaria taxa turística, o concello podería incluso permitirse destinar unha parte da recadación a Igrexa. Hase dicir que o concello non “pode” financiar a Igrexa, o que é certo. Máis non se trata diso. Trátase de que, fóra de populismos anticlericais, urxe que as diferentes institucións da cidade entendan que é ben harmonizar os intereses propios en prol do interés máximo común, cal é facer rendible o seu emprazamento institucional cara ao benestar da cidadanía, “laici ut seclari”, e o progreso do conxunto. Se botamos contas, decatámonos de que o problema é outro. Se se cobrase un euro de taxa á poboación que pernoctou na cidade o ano pasado, suporía 1,5 millóns de euros. Se se estima unha visita ao Pótico nos día de máis afluencia de 1000 persoas (100 á hora, multiplicado por 10 horas de visita), e se estima como media ese aforo durante 200 días (habería que engadir os restantes días do ano) multiplicado por 12 euros/visita, iso suporía 2,4 millón de euros. Pero isto indica soamente que unha taxa de un euro é moi barata e que o negocio do peche do Pórtico é redondo. Encol destas contas, mesmo se podería plantexar á inversa, que sexa a Igrexa a que pague ao Concello onde está.
En realidade, é na taxa turística onde cómpre centrar o debate e a solución. En Berna, cidade suiza Patrimonio da Humanidade, con algo máis de poboación que Santiago, e un total de 5,1 millóns de pernoctacións en todo o cantón (no inverno a xente vai esquiar e no verán vai pasear) a taxa é de 4,6 euros por persoa e día. Páganse no canto de rexistrarse no hotel, e asemade danche un pase gratuçoto para o transporte público, que, de feito, ninguén emprega porque a meirande parte dos visitantes concéntranse no casco histórico. A diferencia na calidade de vida entre Suiza e Galicia, explícase tamén neste dato, e non só en ser o sumidoiro de todo o diñeiro negro mundial.

Pode que che interese...