fbpx
Pazo de Meirás / fonte Wikimedia loischantada CCBy

Esta é a histoira de como os Franco se fixeron co Pazo de Meirás

Tempo de lectura: 3 min.

O día 5 de decembro de 1938, en plena Guerra Civil, a quinta de Dona Emilia Pardo Bazán, máis coñecida como Pazo de Meirás ou Torres de Meirás, pasou a mans da Xefatura do Estado. Foi por doazón, a través dunha comisión que se fixo co monumento por 725.000 pesetas do momento, recadadas con achegas forzosas dos cidadáns dos concellos da contorna. Dende aquela os Franco converteron a quinta na súa residencia de verán, espoliaron o seu interior e, máis de 40 anos despois da morte do ditador, aínda non devolveron o pazo á cidadanía. O vindeiro día 5 de decembro fará exactamente 80 anos que o pazo pasou a mans da familia.

A historia do pazo

E é que sobre os terreos do actual pazo atopábase ata 1809 unha torre medieval, vinculada dende o século XVI, coa liñaxe dos Mariño de Bergondo e os Pardo da Lama, devanceiros da escritora Emilia Pardo Bazán. Mais neste ano de 1809, durante a guerra contra o exército napoleónico, os franceses acabarían por queimar a torre e deixala arruinada. Máis tarde, no ano 1893, a escritora e mais a súa nai decidiron encargar a construción dun pazo sobre as ruínas da histórica torre.

Daquela construíuse unha quinta a xeito de pazo con tres torres ameadas de tamaños diferentes unidos entre si por un corpo baixo, cunha capela na súa zona occidental. Na torre maior, chamada A Torre da Quimera, Emilia Pardo Bazán situou a súa biblioteca. O edificio é un exemplo único da súa época, emulando a feitura dos pazos barrocos e introducindo elementos de evocación medieval á moda do que se fixera no romanticismo europeo. Para a súa construción utilizaranse elementos patrimoniais traídos doutros lugares, coma a portada románica da súa capela.

O espolio dos Franco

Coa morte da Condesa no ano 1921, e do seu fillo en 1936, a súa filla Blanca e máis a súa nora Manuela quixeron doar a propiedade á compañía de Xesús da Coruña. Mais esta, en plena Guerra Civil, sabendo que unha comisión pretendía agasallar ó ditador co pazo,  non aceptou a doazón. Así o pazo pasou finalmente ás mans da comisión por arredor de 725.000 pesetas do momento, financiado con achegas forzosas dos veciños dos concellos limítrofes. O pazo pasou a mans da Xefatura do Estado o 5 de decembro de 1938 .

Coa chegada dos Franco comezáronse obras de remodelación para adaptar a propiedade ás novas necesidades, como foi, por exemplo, a instalación de garitas de vixilancia no valado que rodea o pazo. Tamén, a partir daquel momento, fóronse traendo todo tipo de pezas históricas de diferentes lugares de Galicia, como escudos, cruceiros fontes ou balaústres, principalmente procedentes dos pazos de Sada, Ximonde, Ermita ou Bendaña. Entre elas, tal e como demos conta noutros artigos, dúas estatuas do século XIII, pertencentes ó Pórtico da Gloria, do Mestre Mateo, así coma un cruceiro feito cunha peza tamén espoliada deste pórtico.

Tras a morte do ditador

Mais coa morte do ditador e coas leis asinadas na Transición, que evitaban xulgar ós responsables do réxime, a familia Franco continuou a ter a titularidade do pazo, empregándoa como vivenda de recreo. No ano 2008, gobernando o bipartito o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, ó abeiro da lei 8/95 de Patrimonio Cultural de Galicia. Os problemas xurdiron cando a familia Franco negouse a facilitar ó acceso á propiedade dos técnicos da Xunta, que tivo que recorrer ós tribunais para conseguir o acceso.

Máis tarde a polémica volveu do mesmo xeito, tras o incumprimento da orde que obrigaba a abrir o pazo catro días ó mes, ó abeiro dun artigo da mesma lei de Patrimonio Cultural. Isto foi o desencadenante de que se puxera a enriba da mesa a posibilidade da súa expropiación, que asociacións como a Comisión pola Memoria Histórica levaban xa anos a reivindicar. Así, no 2016, o conflito volveu á primeira liña ó resolverse a sentencia xudicial que obriga á Fundación Franco, xestora agora do monumento, a abrir o pazo, despois de reiterados incumprimentos.

Con estes feitos e máis coa presión, tanto do Concello coma da propia Comisión, así como de numerosos cidadáns e persoeiros da cultura galega, a situación da propiedade deu un salto cara os medios de comunicación estatais. A polémica estaba enriba da mesa e o ben, que chegara a mans dos Franco durante a Guerra Civil en condicións máis que discutibles, converteuse nun tema de debate nacional . Dende aquela, e malia que existen informes xurídicos favorables da Xunta e de Deputación da Coruña sobre unha posible expropiación, e despois do intento de poñer á venda o pazo pola familia, este segue a estar exactamente nas mesmas mans que hai 80 anos.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...