fbpx
Muíños do Folón, no Rosal / turismo.gal

A pedra seca, un xeito de construción único que acaba de ser declarado Patrimonio Inmaterial

Tempo de lectura: 3 min.

A pedra seca galega vén de ser incluída o pasado mércores na lista representativa da UNESCO como parte dunha candidatura conxunta de oito países europeos liderada por Grecia e Chipre, e na que España participa a través de oito comunidades, entre elas, Galicia.

O recoñecemento da inclusión na lista representa o compromiso dos países na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu mantemento e difusión.

A pedra seca é unha técnica de construción tradicional na nosa terra que prescinde de calquera argamasa ou morteiro. Conforma un dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional, que axuda a construír a paisaxe antrópica do país. Esta técnica fíxase e transmítese a través do milenario oficio dos canteiros, ten un alto grao de especialización e afecta á relación das comunidades co medio, creando e definindo o noso entorno.

Escudos castrexos sobre un dos muros do castro no Castro Animado / foto HdG

Escudos castrexos sobre un dos muros do castro no Castro Animado / foto HdG

Muros, peches e casas

Muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio. A pedra en seco é unha técnica ben coñecida e valorada en Galicia. De feito, diversos bens sobranceiros, declarados de interese cultural, como os lugares de valor etnolóxico de Seceda e Froxán en Folgoso do Courel, os muíños do Folón e Picón no Rosal ou o propio mercado popular de Agolada teñen sido executados aplicando este procedemento construtivo.

Se ben son abondosos e significativos os exemplos da pedra seca en todo o territorio galego, esta técnica resulta especialmente relevante nas comarcas de Pontevedra, Terra de Montes, Deza, Bergantiños, Terra de Soneira, Xallas, Fisterra, a Terra Chá e a Ribeira Sacra.

Visita a A Golada

E para celebrar esta declaración, conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou os Pendellos de Agolada, unha das grandes mostras da arquitectura en pedra seca de Galicia, declarados ben de interese cultural no 1985. “Creo que estamos perante unha moi boa nova, unha nova, en certo modo histórica, xa que é a primeira vez que un ben inmaterial galego se incorpora a esta selecta lista patrimonial”, dixo.

Neste sentido, o conselleiro informou de diversas actuacións que se prevén realizar para a salvagarda e divulgación do que é o primeiro ben inmaterial galego inscrito na lista representativa do Patrimonio Mundial da UNESCO.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, xunto coa directora xeral de Turismo, Nava Castro, visitan os pendellos de A Golada, unha das típicas mostras de arquitectura feita coa técnica da pedra seca / Xunta.gal

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, xunto coa directora xeral de Turismo, Nava Castro, visitan os pendellos de A Golada, unha das típicas mostras de arquitectura feita coa técnica da pedra seca / Xunta.gal

Proxectos para coñecer e difundir a pedra seca

Así, avanzou que o vindeiro ano comezarase a realizar un censo dos elementos máis representativos da pedra seca galega, xeolocalizándoos e identificándoos segundo a súa tipoloxía construtiva. Ademais, explicou que está previsto o deseño dunha aplicación móbil a través da que se poida acceder á información máis relevante sobre esta técnica e os exemplos destacados que podemos atopar en Galicia realizados en pedra seca.

Así mesmo, desde a Consellería de Cultura, a través da Axencia Turismo de Galicia, prevese levar adiante unha orde de axudas para a rehabilitación de elementos patrimoniais etnográficos, na que se valoraría positivamente o feito de que o ben en cuestión estea construído coa técnica da pedra seca e contase cunha proposta de actuación realizada con criterios de calidade e acometida por profesionais cualificados.

Cómpre lembrar que para os propietarios de bens construídos con esta técnica a inclusión na lista non suporá requisitos adicionais á hora do seu mantemento e conservación máis aló dos existentes na lexislación vixente. En todo caso, a Xunta poderá ditar instrucións, recomendacións e suxestións para os interesados no seu uso e conservación; así como fomentar a pedra seca a través de programas e proxectos.

Pode que che interese...