fbpx
A torre Valle-Bermúdez, na Pobra do Caramiñal / foto Héitor Picallo

A Pobra renovará a Torre dos Bermúdez, do século XVI

Tempo de lectura: 2 min.

Dous dos máis importantes monumentos urbanos da Pobra do Caramiñal lucirán un novo aspecto ó longo do vindeiro 2019. Serán a Torre dos Bermúdez, gran pazo señorial da vila, do século XVI e onde viviron os pais de Valle-Inclán, e a casa do concello, un singular edificio do século XVII. Así o presentou o pasado mércores o alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, nun acto público no que estiveron tamén a Concelleira de Cultura, Genoveva Hermo e o Concelleiro de Personal, Miguel Alamancos.

Dúas fiestras da Torre Valle-Bermúdez / Héitor Picallo

A Torre, sede actual do Museo de Valle-Inclán, e da que por causa do seu deterioro xa falamos noutro artigo, será intervida nas súas fachadas. O obxectivo será frear o deterioro da pedra e evitar a acción da salitre, un dos grandes males do granito nas vilas de mar. Para isto procederase a eliminar o morteiro de cemento das xuntas, que evita a transpiración da pedra, e e engadir morteiro de cal, que é o que tradicionalmente se empregou na construción en pedra. Eliminarase tamén a vexetación que nace nas fachadas.

Na casa consistorial, porén, mellorarase a accesibilidade e a eficiencia enerxética. Para isto, ademais da eliminación de obstáculos, renovarase a totalidade das fiestras da fachada principal, instalándose na portada unha porta dobre. Procederase tamén a a renovar o illamento das paredes para conseguir unha mellor inercia térmica. Tamén se intervirá no novo edificio anexo, dividindo o hall de entrada en dous andares co que se ampliará a zona de despachos. Farase tamén unha nova unión interior entre os dous edificios pola zona posterior.

Casa do Concello da Ponbra / foto turismo.gal

A intervención en ambos os dous edificios estará financiada integramente polo Concello da Pobra, co remanente do pasado exercicio. Investiranse 73.000 euros na Torre e 180.000 euros na Casa do Concello. Ambas intervencións que terán que estar licitadas antes de final de ano, requiren o permiso da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. No caso da Torre prevese actuar despois sobre o tellado, para o que o goberno municipal agarda a axuda económica de Patrimonio ou de outras administracións.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...