Monte das Estacas en Fornelos de Montes / fornelos.gal

Aparece un tesouro etnográfico con preto de 40 chouzos e un excepcional foxo do lobo en Fornelos de Montes

Tempo de lectura: 2 min.

Houbo un tempo no que o pastoreo era unha importante fonte para a subsistencia do rural. Mais o noso clima coas súas inclemencias meteorolóxicas era un atranco bastante grande para os pastores que tiñan que pasar longas xornadas e incluso noites co gando no monte. Precisamente por isto era preciso levantar algún tipo de construción ó pé dos pastos para protexerse da chuvia e do frío. Estas construcións, xeralmente moi toscas, de pedra sen labrar, e de estrutura monolintel, son os chamados chouzos.

Chouzos en Fornelos de Montes / foto CRTVG

Os chouzos son comúns en case todo o territorio de Galicia, dende a Costa da Morte ata o Courel. Mais o conxunto máis extenso e rico deste tipo de construcións descubríuse neste 2018, no monte das Estacas, en Fornelos de Montes. É, sen dúbida, o conxunto coñecido máis excepcional de Galicia, pois nel se chegaron a contar case corenta destas construcións en moi boas condicións de conservación e moi preto doutros elementos etnográficos como unha neveira ou un excepcional foxo do lobo.

Foi durante a apertura dunha pista forestal, no monte en man común, preto do río Alén, na parroquia de As Estacas. O descubrimento fíxose no pasado mes de marzo, mais a nova non se saíu á luz, agás nalgúns medios moi concretos, ata que neste mes de decembro a comunidade organizou unha xornada con voluntarios para rozar e limpar toda a zona e sacar á luz todo este patrimonio. Foi nun ámbito duns 2.000 metros cadrados e procedeuse ó inventario das singulares construcións coa colaboración de Xurxo Constela, de Citania, e a colaboración económica do Concello de Fornelo de Montes.

Monte das Estacas en Fornelos de Montes / fornelos.gal

O resultado darase a coñecer o vindeiro día 11 de xaneiro durante a inauguración do centro social de Estacas e coa participación de Xurxo Constela. Este día falarase non so do excepcional achado senón tamén do rico patrimonio desta parroquia, na que se poden visitar ademais dos chouzos un conxunto significativo de petroglifos. O lugar destaca tamén por conservar en moi boas condicións un excepcional foxo do lobo, se cadra un dos máis significativos exemplos de Galicia, con forma de W e dúas trampas nos vértices exteriores. Tamén no lugar se conserva unha neveira, ou unha construción para almacenar xeo de orixe natural.

Neveiro en Fornelo de Montes / foto fornelo.gal

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: