fbpx
Calzada do século XVI no Castelo de Monterrei antes e despois da obra / Plataforma

Así foi 2018: Desfeita no Castelo de Monterrei

Tempo de lectura: 2 min.

No mes de maio, e a pesares do rexeitamento da veciñanza e dos expertos, acontecía ante os ollos dos veciños de Monterrei o que na maioría de lugares de Europa sería impensable. A destrución dunha parte dun castelo do século XII para adaptalo a Parador. Pois o singular Castelo de Monterrei, un dos máis importantes do sur de Galicia, sufriu, ante a mirada incrédula das xentes da vila e máis da veciña Verín, unha adaptación traumática para deixar paso ó tráfico rodado.

E é que unha sólida capa de formigón iría tapando progresivamente os accesos ó castelo, deixando baixo del todos aqueles elementos que estorbaran no seu camiño. Muros centenarios de cantería e camiños históricos de laxes -algún deles podería remontarse ó século XVI- desapareceron baixo unha grosa capa de terra e cemento. Mais para maior aldraxe a intervención na fortaleza, Monumento Nacional dende 1931, foi desenvolvida co visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio e promovida pola propia administración da Xunta de Galicia, non sen pasar previamente polos tribunais.

Restos dun muro amoreirados no Castelo de Monterrei / foto Comarca de Monterrei facebook.com

Mais fronte a polémica intervención a veciñanza da comarca de Verín púxose en pé de guerra para tratar salvar o entorno do Castelo. Os máis activos foron os membros da Plataforma para a Defensa do Castelo de Monterrei que reivindicaron con manifestacións e actos simbólicos a perda dos históricos accesos e a contorna do singular monumento. A polémica foi tamén especialmente intensa nas redes sociais onde moitos dos veciños non so manifestaron o seu malestar, senón que puideron retratar de feito o día a día o avance das obras. Gracias a algúns deses veciños, lectores tamén de HdG, puidemos contarvos o que estaba a acontecer.

Manifestación / foto Plataforma pola defensa do Castelo de Monterrei

Pode que che interese...