Pedrón de Padrón, a pedra na que segundo a lenda amarrarían a barca de pedra / foto Historia de Galicia

Así foi 2018: O achado do porto do Apóstolo Santiago en Padrón

Tempo de lectura: 2 min.

Entre as novas máis importantes para o patrimonio galego que nos deixou este 2018 atópase o posible achado arqueolóxico dun monumento lendario. Trátase do Portus Apostoli ou o porto no que atracaría a barca de pedra que traía a Galicia dende Xerusalén os restos do Apóstolo Santiago. Como non podía ser de outro xeito estaría emprazado en pleno centro de Padrón e aparecería tras unha prospección feita con xeorradar por unha empresa de arqueoloxía, PyA Arqueólogos.

Trátase dunha gran pedra duns cinco metros de lonxitude e de forma cuadrangular, correspondente cunha estrutura que encaixaría coas descricións da época na que esta reliquia era venerada. A pedra podería corresponder con aquela citada nos documentos dos séculos XV e XVI e que, segundo a devoción popular daqueles tempos, sería a pedra na que os discípulos do apóstolo deitarían o corpo tras o desembarco.

Segundo os arqueólogos, a estrutura, atoparíase a algo máis dun metro de profundidade e acharíase, precisamente, nun lugar da vila coñecido como A Barca. A teoría de PyA Arqueólogos e de Andrés Bonilla, arqueólogo que dirixe o proxecto, basearíase nunha prospección feita con xeorradar, un procedemento para explorar materiais soterrados a través de multifrecuencias. Este permite constatar a natureza do chan e diferenciar materias brandos, como recheos das brañas, e duros, como a estrutura monolítica de pedra.

Así, o lugar que é de feito un dos terreos municipais gañados ás brañas polo recheo e canalización do río Sar hai algo máis de medio século. Corresponde con un terreo gañado ó mar ó pé do casco histórico, é relativamente preto do venerado pedrón que se conserva na igrexa de Santiago. O achado chegaría, segundo a empresa de arqueoloxía,tras meses de documentación e de análise de textos e de fotografías antigas. Así o contamos no mes de maio en HdG.

Convento do carme de Padrón / foto turismo.gal

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: