Castelo de Soutomaior / foto Historia de Galicia

Así foi 2018: O renacer do Castelo de Soutomaior

Unha das grandes novas culturais deste 2018 foi a reapertura do Castelo de Soutomaior. Fíxoo despois dunha longa e custosa -preto de 2 millóns de euros- intervención da Deputación de Pontevedra que tivo como obxectivo converter o vello monumento, aberto ó público en 1987, nunha verdadeira icona da provincia. Tamén no buque insignia da institución. Pois para isto a Deputación fixo unha renovación completa dos seus contidos apelando a todos os seus históricos moradores e empregando a última tecnoloxía.

E é que o Castelo de Soutomaior, é un dos máis grandes e mellor conservados de Galicia. Erguido no século XII, propiedade dunha das liñaxes máis importantes da Galicia medieval, tería participado de todos os grandes acontecementos da nosa Baixa Idade Media, como as guerras entre nobres galegos, os enfrontamentos entre os bispados, as revoltas irmandiñas ou as guerras de sucesión con Castela. O Castelo de Soutomaior pode ser que garde entre os seus muros o segredo do verdadeiro nome de Colón ou as causas que levaron a asimilación da nobreza galega a Castela.

Nel habitaron personaxes capitais da nosa historia como Pedro Madruga, Fernán Eanes ou María Vinyals, ademais de algunha que outra personaxe non agardada. Mais o castelo é sobre todo un fito monumental, un singular recinto no corazón da ría de Vigo, cunha torre da homenaxe de máis de 150 metros cadrados de base, e espazos tan destacados coma a Galería das Damas. Tamén posúe un dos xardíns históricos máis importantes de Galicia, con preto de 16.000 metros cadrados e máis de 200 especies, algunhas delas de importancia máis que excepcional. HdG estivo na reapertura e contabámolo así.

 

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: