fbpx
Torques de Burela, do Museo Provincial de Lugo / Galipedia

Así foi 2018: O Torques de Burela atopa propietario definitivo

Tempo de lectura: 2 min.

Foi no mes de febreiro cando o gran Torques de Burela, xunto co tesouro da colección de Álvaro Gil Varela, volveu ó Museo Provincial de Lugo. Foi despois de que a Deputación Provincial de Lugo lle aboara a última cantidade pendente, 584.100 euros, ós seus antigos donos, facendo así efectiva a venda do gran tesouro histórico. Así dende o mes de febreiro a colección que durante un tempo estivo fora da exposición do museo, volveu ó seu lugar, xa baixo propiedade pública.

E é que o Goberno da Deputación acadou no ano 2014 un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil Varela para adquirir a colección completa de ourivaría antiga, en cinco lotes anuais, por un importe de 2,3 millóns de euros. Esta colección, composta por 40 pezas e declarada Ben de Interese Cultural, contén obxectos dun enorme valor material e histórico, como a onza de Fernando VI, arracadas como as de Valiña e Burela, torques como os de Recadeira, Melide, Valiña, Viveiro ou Centroña, pulseiras, brazais, láminas áureas ou un carneiro alado.

Sen dúbida o seu obxecto máis valioso para a nosa historia é o famoso Torques de Burela, nomeado de tal xeito por ser atopado por un labrego nesta vila mariñá. É o torques máis pesado e máis rico atopado en Galicia. É de ouro puro de 23 quilates de 211 mm de diámetro e 65 mm de anchura e de preto de dous quilos. Ademais de polo seu peso e tamaño destaca pola súa singular feitura que nos fala dunha estética enxoval propia da época castrexa. Podería datarse entre os séculos III e II a.C. Así o contamos en HdG.

Parte superior do torques de Burela/ paseante silencioso

 

 

 

 

Pode que che interese...