O rei Tuba facendo o meigallo / Imaxe Dieterich01 CC0

Cando un meigallo derrubou o castelo de Bría… E naceron as Covas do Rei Cintolo

Conta a lenda que moito tempo antes da fundación da actual Mondoñedo, existía no lugar un reino coñecido como Bría. Sobre el dominaba un gran castelo que se localizaba sobre a superficie do que hoxe é a cova, e que era o centro dun territorio de especial e fertilidade e riqueza. Nel gobernaba o rei Cintolo, un soberano de gran coraxe e excepcional sabedoría que fora quen de traer a prosperidade e o benestar ó seu pobo.

Mais o rei Cintolo contaba cunha única descendente, unha única filla. Era unha moza de especial fermosura edoce querida polos súbditos do seu reino, non so pola súa beleza senón sobre todo pola súa excepcional bondade. O seu nome era Xila, ou ou Manfada, segundo a versión. Pola riqueza do seu pai a fermosura e bondade da rapaza non eran poucos os cabaleiros que se ofrecían para casar coa moza. Mais Xila achábaos a todos ruíns e batalladores acostumados a medrar nas artes da aristocracia coa persuasión, a violencia e a guerra. Por isto pasaban os anos e a rapaza non atopaba home do seu merecer.

Un día chegou a Bría un mozo chamado Hollvrudet ou Uxío, tamén segundo a versión. Non era un home especialmente rico e o seu séquito era máis ben reducido, pois a pesares da súa condición aristócrata o mozo gozaba ante todo de humildade e bo corazón. Precisamente por este motivo a moza namorou perdidamente do rapaz e o rei logo aceptou o amor de ambos ó tempo que todo o reino clamou pola pronta voda. Todo semellaba apuntar cara un feliz desenlace.

Maia un día, non moito tempo despois, pouco antes do casamento, chegou a Bría un numeroso séquito de homes a cabalo, cun gran número de armas, pendóns de diferentes reinos repicando tambores e trompetas. Tratábase do rei Tuba de Oretón. E o seu enorme séquito acampou ó pé do propio castelo, coma se se estivera a tratar dunha ocupación do mesmo pola forza. Dende a contorna do castelo Tuba envioulle unha misiva ó rei Cintolo comunicándolle os motivos da súa visita, pois de non recibir a man da filla do rei os exércitos de Tuba tomarían o castelo pola forza.

Xila ou Manfada na entrada da cova / foto Dieterich01CC0

Uxío quixo daquela defender o reino da súa amada coa súa vida. Mais consciente da imposibilidade de vitoria do seu exército retou a Tuba a un duelo persoal ó pé do propio castelo. Non sabía que tuba, antes que guerreiro, era ante todo un poderoso bruxo que antes de comezar a pelexa botara sobre o lugar un potente conxuro. Así, mentres o mozo se achegaba ó lugar para pelexar coa súa vida polo reino, e antes de tan sequera achegarse ó lugar, cun gran ruído. abriuse o chan baixo os pes do mozo e todo o castelo acabou baixo terra.

Mais Uxío sorteou o derrube e saíu ileso, buscando a Tuba e asestándolle ó bruxo un mortal golpe de espada. O bruxo ficou morto e o rapaz tratou de retornar ó castelo. Mais este xa fora tragado pola terra. O reino de Bría quedou daquela derrubado baixo o chan converténdose nun importante conxunto de oquedades e covas hoxe coñecidas como Covas do Rei Centolo. Pero Uxío non se rendeu ata descubrir a entrada á cova e aventurouse baixo o chan para buscar á súa amada e o Rei da antiga Bría. Nunca máis nada se soubo del.

Mais contan no lugar que aínda a día de hoxe dentro da cova está a princesa, e que aínda Uxío segue a buscala. Mais que fica presa dun encantamento da man dun dos bruxos que acompañaba o rei Tuba. O meigallo faina presa do lugar, máis o axudante do bruxo déixaa saír todas as noites ás doce da madrugada. Mais so durante uns minutos, momento no que ela busca o seu amado pola contorna da cova. Por iso dise que se un pasa na medianoite polo lugar pode vela. Máis ó carón da entrada da cova aínda se atopa o bruxo vixiándoa, e de ver a outra persoa no lugar a captura e a leva do mesmo xeito prisioneira.

Entrada da Cova do Rei Cintolo / foto Xelo2004 GNUCL Wikimedia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: