Detalle da Ribeira Sacra no verán de 2017 / foto HdG

Crecen as opinións enfrontadas sobre a polémica tirolina da Ribeira Sacra

“Instalamos a tirolina, despois ampliamos os accesos e asfaltamos ben, poñemos un aparcadoiro ben grande á beira da tirolina, e uns galpóns e uns chiringuitos para os turistas. Vai quedar precioso!”. Con esta sorna comentábase nas redes sociais a instalación da xa polémica tirolina da Ribeira Sacra. “Que o deixen como está”, “horror”, “noxo”, “que xeito de estragalo”, son algúns dos comentarios que se puideron ler nas páxinas de HdG e de outros grupos tras coñecerse que a tirolina da Ribeira Sacra xa é economicacmente unha realidade.

E é que nos últimos días están a medrar as críticas contra a tirolina que as deputacións de Ourense e Lugo queren construír en pleno corazón da Ribeira Sacra, entre os miradoiros do Duque en Monforte e Matacás en Castro Caldelas. Asentarase nun dos cantís máis virxes do canón, nun lugar de especial interese de fauna como de flora autóctonas, con especies ameazadas e nun lugar especialmente sensible. Para os detractores a instalación pode ser un perigo, tanto para a candidatura como Patrimonio da Humanidade da zona, como para as especies naturais. Para os defensores unha fonte de actividade, turismo e ingresos para a xente do lugar.

Un serio perigo para as aves ameazadas

Á cabeza das críticas atópanse sobre todo defensores do patrimonio cultural e asociacións ecoloxistas e naturalistas. Para a asociación Verdegaia, tal e como comentaban nas súas redes sociais, facéndose eco da nova, é “lamentable o trato outorgado polas nosas autoridades aos espazos de patrimonio natural deste país. En lugar de protexer e conservar, convértenos en parques temáticos. Cal é o obxectivo? Acabar con eles? Porque se é así está ben pensado, desde logo”.

Mais contundente foi a crítica da Asociación Galega de Ornitoloxía que manifestou a súa total oposición ó proxecto. Para eles “suporía un impacto paisaxístico e ambiental incompatible coa preservación dos valores ornitolóxicos”. E é que a zona “está incluída nas áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local das especies de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas segundo a normativa da Xunta de Galicia”, tal e como publicaban a través de xornalgalicia.com e da que se fixeron eco diversos medios.

Detalle da Ribeira Sacra / foto HdG

“Parécenos incongruente como esas mesmas administracións que apostan polo turismo ornitolóxico e de calidade na zona, pretenden agora facer unha especie de parque de aventura potencialmente incompatible coa preservación dos valores naturais”. E que para eles o proxecto, igual que moitos outros en Galicia, non forma parte dunha planificación estratéxica do turismo, xa que non se estudou “a rendibilidade social, económica e ambiental”. “Constátase outra vez como as administracións seguen a dilapidar recursos públicos en proxectos de dubidosa rendibilidade social e económica”.

Unha oportunidade para dar a coñecer a zona

A opinión contrasta porén coa de outros sectores, especialmente coa de diferentes representantes e hostaleiros da zona. Para Fernando González, de Adega Algueira, tal e como recollía nos pasados días a La Voz de Galicia, o proxecto terá un baixo impacto, xa que “o cable da tirolina nin se ve” e “polos miradoiros pasa xa un tendido de alta tensión” que “leva toda a vida alí e ninguén dixo nada para queixarse”. Pola súa parte, tamén no mesmo medio, Antonio Rodríguez, propietario do restaurante de Doade A Cantina, declaraba que “a tirolina traerá un turismo activo e iso será beneficioso para toda a zona”, pois “a Ribeira Sacra non pode ser so un espazo contemplativo”.

Tamén nas redes sociais, entre as moitas mensaxes de desconformidade poden verse algúns comentarios a favor do proxecto, especialmente dos propios veciños do lugar. É unha iniciativa que pode traer xente a unha zona que polo seu atractivo e o valor engadido neste caso dunha tirolina, afirmábase. E é que e “os propietarios dos terreos e veciños vémolo moi ben, é unha fonte máis de ingresos e hai xente para velo. Senón queda deserto!”. Mais tamén hai quen contrargumentaba nas propias redes que “haberá outras formas de fomentar o turismo para todas esas vilas tan fermosas sen facer estas barbaridades”. O debate está servido.

Ribeira Sacra / foto locuigCC0

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: