Unha plantación de eucaliptos / foto 139904CC0

“Deseucaliptización” gáñalle a partida a “Feminismo” como a Palabra do Ano 2018

Con máis da metade dos 5.724 votos emitidos, “deseucaliptización” resultou elixida a Palabra do Ano 2018. O termo sumou 3.114 apoios na iniciativa promovida polo Portal das Palabras, o proxecto web da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a divulgación do léxico galego.

O vocábulo gañador, que reflicte un aspecto destacado na crecente preocupación social pola xestión do monte galego, impúxose aos outros cinco finalistas, todos eles cunha importante carga informativa relacionada con acontecementos que marcaron a actualidade dos últimos doce meses. A segunda palabra máis popular foi, de feito, con 1.032 votos, feminismo, nun ano cheo de reivindicacións en todo o mundo da fin da desigualdade por motivos de xénero. Este ambiente tamén se reflectiu na presenza na final de sororidade, que acadou 641 votos, e apoderamento, con 316. Entre estes dous termos colocouse fariña, con máis de medio milleiro de votos nunha listaxe que pechou fascismo.

Non é a primeira vez que a preocupación pola xestión do monte deixa pegada na elección da Palabra do Ano. En 2017 venceu afouteza, pero entre as finalistas estiveron vaga de lumes e a forma oposta á gañadora de 2018, eucaliptización. Desta volta a gañadora apela ao proceso de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento social, tanto pola pegada que deixan na paisaxe como polo seu impacto na biodiversidade e outros problemas asociados á súa proliferación, e non só en Galicia e no veciño Portugal, senón tamén noutros lugares do planeta como California.

Eucaliptización e deseucaliptización

Segundo apunta a RAG nun comunicado, os neoloxismos eucaliptización e deseucaliptización describen esta tendencia da nosa masa forestal e o seu reverso. Aínda que non figuran non Dicionario da Real Academia Galega, axústanse ás regras de formación de palabras propias do noso idioma. A partir do substantivo eucalipto e mediante a sufixación, xurdiu o verbo “eucaliptizar”. Engadindo o prefixo des-, co sentido de negación ou privación, compúxose o termo “deseucaliptizar”, e de aí deseucaliptización, que sería o substantivo que indica acción.

A orixe do eucalipto

Pero vaiamos á raíz do termo. Co nome de eucalipto desígnase un xénero de árbores, orixinarias maioritariamente de Australia, que inclúe diferentes especies. A súa incorporación á flora das latitudes europeas é relativamente recente. A Galicia chegou a través do padre Rosendo Salvado, que se instalou en Nova Nursia coa misión de evanxelizar aquelas terras.

O eucalipto débelle o seu nome ao botánico francés Charles-Louis L’Héritier, quen no s. XVIII bautizou como Eucalyptus obliqua a árbore que chegou ao British Museum proveniente da famosa expedición do capitán James Cook. O primeiro termo do seu nome científico está formado pola unión de dous elementos de orixe grega: o prefixo eu-, que significa ben, e kaliptós, que significa cuberto, referido á cápsula das súas flores; mentres que obliqua remite á forma da base das súas follas cando son adultas, tal e como explica este Mira que din do Portal das Palabras.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: