fbpx
Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube
Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube

¿Estaba o Monte Medulio nos montes de Santa Comba?

Tempo de lectura: 2 min.

O Monte Medulio é, segundo as fontes clásicas, o lugar onde tivo lugar a derradeira batalla que enfrentou aos celtas galaicos coas tropas lexionarias do imperio romano. Paulo Orosio, historiador natural de Braga, situaba o Monte Medulio nas proximidades do río Miño (“Minio flumini inminenten”). Este apuntamento intencionado fai referencia ás terras de Galicia por onde discorre precisamente o río Miño, e ten por finalidade diferenciar a batalla do Monte Medulio do escenario das Guerras Cántabras, ó outro lado dos Ancares. O Monte Medulio tivo lugar na terra dos galaicos, as terras do Miño.

Segundo o historiador romano Lucio Anneo Floro, o Monte Medulio estaba rodeado por un foxo continuo de 15 millas romanas, o que supón un perímetro defensivo duns 25 kilómetros aproximadamente.

A invasión da Gallaecia polos romanos despregouse en dúas direccións principais, unha dende o este da península como continuación das Guerras Cántabras, e outra de maneira natural dende o sur da península, logo, por lóxica, o noroeste da Gallaecia constitúe o último baluarte irredutíbel da resistencia dos galegos a seren invadidos polas forzas de ocupación imperiais.

Posible ubicación do Monte Medulio

Por que Santa Comba?

Morfoloxicamente e xeograficamente as terras de Santa Comba constitúen unha penechaira amesetada facilmente abarcable e defendible que conforma un auténtico fortín defensivo no noroeste da Gallaecia. A cunca alta do Xallas asemella a forma dun mega-castro natural cos seus correspondentes parapetos formados por elevadas montañas de 500 metros de altitude, que facilitaban a súa defensa, e que conforman un perímetro de 25 kilómetros de lonxitude, xustamente como describen as fontes clásicas. Era un obstáculo defensivo natural que interrompía os intereses viarios, mineiros e urbanísticos do Imperio romano. As súas grandes dimensións, a diferenza dun castro corrente, permitía a subsistencia no seu interior dos sublevados e tamén permitía acoller no seu interior a un grande número de guerreiros e combatentes, polo que se converteu nun lugar especialmente complicado e conflitivo para as tropas invasoras, moi diferente en tamaño a outros castros sometidos coma Numancia ou Castro do Monte Bernorio. É entendible, polo tanto, que os romanos optaran polo asedio dende a distancia como estratexia militar.

No entorno desa fortaleza natural que constitúen as terras altas do Xallas existe unha abondosa toponimia que fai alusión a un posible escenario bélico de confrontación: Portomedal (Val do Dubra), Monte Meda (Zas), Cousieiro, Montes de Couso, Couso (Coristanco), Marcelle, Vila-Martiño, San Martiño, ara de Couso Oenaego en Seavia (Coristanco), ara de Couso Marcus en Brandomil (Zas), ara de Couso en Logrosa (Negreira), Monte Teixoeira en Coristanco, o Foxo, a Trincheira, A Illa, A Cavada…

Ante a presión do poderoso exército romano os míticos guerreiros galaicos, nun acto de heroicidade e valor, optaron polo suicidio co veleno presente na árbore do teixo.

Escrito por

Arquitecto, historiador e investigador

Pode que che interese...