fbpx
Ilustración de saqueadores de mámoas na procura do famoso tesouro oculta por unha moura en forma de serpe / Gillermo de la Peña

Neme, o monte que oculta covas, lendas máxicas, un cronlech e xoias de ouro

Tempo de lectura: 6 min.

O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida. Este é o título do libro recentemente editado pola asociación ambiental e cultural Petón do Lobo sobre o Monte Neme e que se remonta á orixe sacra do monte para relatar a súa evolución ata os restos da minería irresponsable que hoxe se acumulan no seu cumio e ladeiras.

Hai sete indicadores do carácter sagrado do Monte Ginedo e Neme: o propio monte, os segredos da toponimia e a microtoponimia, a auga, a arrancada ou xoia de ouro de Cances, atopada nun arroio no propio monte, o Crómlech, círculo lítico ou «A eira das Meigas», a cova do Monte Neme, a figura da muller e a manifestación do «feminino» e os montes comúns.

Os seus misterios

A arracada como elemento feminino, formada por glóbulos, aros, aretes e fíos torsionados representa a simboloxía do círculo, do devir cíclico da natureza e da vida. Depositada inicialmente no Museo de Pontevedra en 1957, está fortemente relacionada coa simboloxía que ten un monte mítico. Un monte que o diario Compostelano do 28 de maio de 1929, no seu número 89, describía como “el enhiesto monte Neme”, facendo referencia a súa verticalidade de 387 metros. Relacionado co círculo lítico está o “graal”, o cáliz ou o famoso caldeiro das meigas. Do caldeiro proviña a maxia e a adiviñación, as esencias e plantas que se convertían en elementos de transformación dadoras de novas conciencias. O morteiro dos alquimistas onde a materia prima transfórmase, iluminando a quen atopa a forma e o camiño, e descobrir a harmonía do universo coa terra.

Eira dos Mouros, no monte Neme / Asociación Cultural San Campio de Cances

Pero o Monte Neme tamén é o monte das xentes, do común. Así o 18 de xuño de 1901 o Ministerio de Agricultura, Industria, Comercio e Obras Públicas exceptuaba da desamortización por razón de utilidade pública, en cumprimento do artigo 4 do Real Decreto de 27 de febreiro de 1897, aos seguintes montes dos pobos de Carballo e Malpica:

  • Monte Neme, na parroquia de San Verísimo de Oza, con unha cabida forestal de 280 hectáreas, e poboado coa especie Quercus sessiliflora. Lindaba ao norte co monte común de Razo, ao este co de Bértoa, polo sur e u oeste con montes de particulares.

  • Monte Ginedo, na parroquia de Leiolio, con unha cabida forestal de 220 hectáreas. Poboado con pinus pinaster. Lindaba ao norte co monte común de Cambre, ao este co de Oza, ao sur co de Bomez e ao oeste con lugares de Pedrosa.

O 15 de decembro de 1924, o xornal El Eco de Santiago, recollía o rexistro realizado por Enrique Sánchez Rodríguez de 12 pertenzas de mineral de ferro, co título de “María Elena”, situadas na paraxe chamada Monte Neme, parroquias de Leiloio e Razo, entre Carballo e Malpica.

Sorprende que pouco despois do rexistro dos dereitos mineiros por parte de Enrique Sánchez Rodríguez, tivera lugar un incendio moi importante no monte Neme. Así recollía a noticia El Heraldo Gallego, nº 686, do 7 de novembro de 1926. Tamén sorprende a época do ano no que o incendio se produciu, xa ben entrado o outono, cando as brétemas húmidas das mañanciñas cobren os cumios e os toxos e xestas gardan o resío da noite.

A prensa histórica defíneo como un “imponente incendio”, queimando unha extensión dunhas vinte hectáreas. Indicaba “El Heraldo Gallego” que “Las pérdidas, por el arbolado que había en parte de dicha extensión, son de suma importancia. Desconócense las causas que lo motivaron”.

Explotación mineira no onte Neme / foto Íñigo M. Riobó

II República e fascismo

O 30 de setembro de 1933, o xornal  ‘El Progreso: diario liberal’, facía eco das prácticas do Corpo da Octava División do Exército español no monte Neme. Chama a atención que o exército naquel ano 1933, fose xa destinado ao Monte Neme, ao “Faro Vixía” da Costa da Morte, un lugar sen dúbida algunha moi importante pola sua ubicación xeográfica.

Pero por que precisamente a Oitava División? A Oitava División era naquela época, unha sección do exército español especializada en procedementos tácticos e de alta efectividade. Que sabían os servizos secretos da II República e o goberno de Manuel Azaña, sobre do interés do fascismo nos recursos do Monte Neme?

E de súpeto o fascismo apodérase dos recursos do Nemio e o réxime explota o volframio que colle camiño de Alemaña…. É o inicio da ferida aberta e profunda, que aínda rezuma pus a través das balsas tóxicas do cumio e da fenda aberta da canteira. E todo aínda sen restaurar, froito da irresponsabilidade das empresas mineiras e das Administracións competentes na materia.

A época mineira

O 22 de maio de 1954, publicábase na Gaceta Histórica de Madrid (hoxe o BOE), a autorización da Dirección Xeral de Minas e Combustibles, pola que se lle permitía a Antonio Tova Fernández, como apoderado de Pedro Abelenda Rodríguez, instalar un taller –almacén concentrador de minerais de estaño e volframio, por separación electromagnética, no baixo da casa da súa propiedade, sita no nº 36 da rúa Peruleiro, na Coruña, para o grupo mineiro que posuía no Monte Neme.

En marzo de 1963, o xornal “La Noche”, no seu número 1875, recollía a noticia da crise na produción de estaño e volframio en Galicia. Co título “Crisis en la producción de estaño y wólfram”, o artigo facía referencia ao grupo mineiro Monte Neme, que pese a súa florida explotación de antaño, sufrira un descenso tan vertical, que podía considerarse extinguido.

En decembro de 1987, o grupo Información Cultural facía referencia á excursión organizada pola Sociedade de Montaña Ártabros, que baixo o título “Conoce y camina”, realizaba recorridos inéditos, visitando así a Cova do Monte Neme. Aínda se conserva na memoria colectiva da zona, retazos da existencia desa cova, anterior á desastre mineira. As covas son lugares máxicos por definición, que desde un punto de vista simbólico representan o útero materno e que nos retornan unha e outra vez á figura feminina.

No ano 2009 a Xunta de Galicia encarga á empresa Norcontrol, S.A. a realización dun inventario de balsas e escombreiras mineiras da Comunidade autónoma de Galicia. Nese inventario aparecen identificadas as labores mineiras do Monte Neme co nome “TR. Alemanes”. En canto ao número de balsas aparecen identificadas cinco, dispostas en serie. Tamén alertaba do problema da balsa do cumio do monte, que xa naquel ano presentaba algún problema en canto á estabilidade.

Posteriormente en febreiro de 2014, a balsa mineira rompía e provocaba a vertedura de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias coruñesas de Razo dá Costa (Carballo) e Aviño (Malpica). A Cámara Mineira de Galicia cifrou os danos en 1,5 millóns.

Hoxe continúa todo igual…., e os núcleos de poboación ao pé do monte utilizan para consumo doméstico a auga que baixa do monte. Altos niveis de aluminio e baixo ph xa foran detectados no ano 2014. Quen está a medir os metáis pesados que teñen estas augas?

Vistas desde o Monte Neme / Senda Nova

Que futuro queremos para o Monte Neme?

1.- A restauración integral das antigas labores mineiras: restauración da canteira, drenaxe e selado das balsas tóxicas.

2.- O traslado da arracada ou xoia de ouro de Cances ao Museo de Carballo, para evitar a descontextualización da xoia, para que toda a cidadanía interesada a poida visitar e coñecer.

3.- A recuperación dos montes dos pobos ou dos montes común.

4.- A recuperación dos valores emocionais e simbólicos do Monte Neme.

5.- A inclusión do Monte Neme no chamado Parque do Megalitismo da Costa da Morte, porque consideramos que sobran os argumentos para que un monte mítico como este, mereza tal consideración. Isto daríalle pulo a súa conservación e posta en valor.

O Monte Neme: da orixe sacra á minería irresponsable. Historia dunha ferida é a cuarta obra que a asociación Petón do Lobo saca á luz como editora e a terceira obra histórico científica, que publica como autora e editora. Será distribuido gratuitamente a partir do mes de xaneiro de 2019, entre os departamentos de ciencias dos institutos de ensinanza secundaria da comarca de Bergantiños e de todos aqueles que demanden os exemplares. O libro inclúe unha unidade didáctica para o apoio do persoal docente, sobre a drenaxe áceda de mina e os efectos desta, o extractivismo, o paisaxe e o pH das augas. Tamén vai acompañado dun phmetro portátil.

Escrito por

Divulgador e presidente da Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo

Pode que che interese...