fbpx
O apalpador, imaxe popularizada por Leandro Lamas

O Apalpador, un invento milenario do Nadal galego

Tempo de lectura: 2 min.

Hai máis de dez anos que se comezou a recuperar a figura do Apalpador e, desde entón, é xa unha figura máis do Nadal galego. Nos últimos anos non foron poucos os detractores dunha figura que din que é un “invento”, un “invento” do Nadal galego que, curiosamente, é milenario, como tamén é o Papa Noël, Santa Claus, o Esteru, o Olentzero, o San Nicolás, o Julemanden, o Ded Moroz ou o Joulupukki.

O carboeiro de grande estatura, barba vermella e boina na testa volve tomar as rúas cada Nadal logo de que a Associaçom A Gentalha do Pichel desenvolvera un labor de investigación e divulgación para recuperar a súa figura. O éxito na difusión desta personaxe responde a “unha necesidade que hai na sociedade”, opina André Seoane, membro da Comisión Histórica da Gentalha do Pichel. A poboación galega “ten demostrado bastantes veces unha demanda de identificarse con cousas propias“, así que tirouse da “base etnográfica que xa existía” para salvar esa eiva. “O Apalpador existe e vive actualmente porque había xente que demandaba unha personaxe propia do Nadal que se identificase con Galicia”, salienta Seoane nunha reportaxe publicada polo xornal Galicia Confidencial.

Na mesma liña se pronuncia Miguel Penas, activo colaborador das actividades relacionadas co Apalpador e un dos principais impulsores da súa figura na década pasada. “O éxito está ligado a un oco por cubrir, a un nicho de mercado, a unha falta dunha figura propia do Nadal galego”, explica. Coida que a cidadanía “admite ben as tradicións propias para construílas ou reconstruílas adaptadas á sociedade actual” e proba diso é o recoñecemento que están gañando outros costumes minoritarios como o Samaín, fronte ao Halloween americano.

O traballo de investigación da Gentalha do Pichel veu a tapar esa especie de oco ao que se refire Miguel Penas. Precisaron achegarse ao propio Courel e conversar cos máis maiores para descubrir os detalles desta antiga tradición. Nun principio “era dunha zona moi concreta do país”, pero logo do esforzo deste e outros colectivos, “popularizouse” por toda a xeografía, “igual ca moitas outras cousas que comezan nun sitio e se van expandindo”, di Miguel Penas na reportaxe que podes ler íntegramente no GC.

De feito, a recuperación do Apalpador ten a súa base nunha recollída estnográfica que realizou a Gentalha do Pichel hai xa case 20 anos e que podes ver neste vídeo, un dos primeiros nos que se evidenciou que esa tradición galega de ser un “invento”, sería un “invento” milenario.

Pode que che interese...