fbpx
A derradeira lección do mestre, Castelao 1945

O diario de maior tirada da Arxentina recolle “o negacionismo” de Feijóo sobre o significado real da “Derradeira leición do mestre”

Tempo de lectura: 4 min.

A polémica polo óleo A derradeira lección do mestre, de Castelao, “o máximo prócer galego”, foi recollida nos pasados días polo diario Clarín. A obra que “está de visita en España” e “representa un fusilamento franquista”, segundo o xornal, desatou unha “tempestade política” en Galicia, pois “por el enfrontáronse as autoridades autonómicas, a oposición e os principais referentes culturais”. Un cadro “arxentino”, “pintado en Bos Aires e preservado nunha sala do barrio de Once” desatou unha polémica que “sacude”, segundo o diario, “por estas semanas ás autoridades de Galicia, ó noroeste de España”.

E é que así contaba o diario Clarín, o de maior tirada de Arxentina e o terceiro de fala hispana do mundo, o pasado día 16 de decembro, a polémica iniciada tras a chegada da famosa pintura a Galicia. Foi cando, tal e como contábamos en Historia de Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmaba que o cadro representaba o valor da ensinanza ocultando o seu verdadeiro significado, a denuncia da barbarie franquista. Agora, case dous meses despois, o suceso segue dando que falar chegando tamén ó medio impreso máis importante do país de orixe da pintura.

“Coas táboas recén desaparafusadas o presidente Núñez Feijóo deixou a todos abraiados”

A “polémica sacude por estas semanas ás autoridades de Galicia, ó noroeste de España; á oposición; ós artistas e referentes culturais; e á sociedade toda”, explicaba o diario. Tratando de poñer en contexto ós lectores, afirmábase que é “un óleo de dous metros de alto” que chegou baixo cesión “por primeira vez a Europa despois de longas xestións do goberno rexional de dereitas de Alberto Núñez Feijóo“. Explica tamén o artigo que “Alfonso Rodríguez Castelao, o máximo prócer de Galicia e artista case renacentista (pintaba, escribía, era médico e político) finou exiliado na Arxentina en 1950”.

Sinatura do convenio de cesión da pintura / foto Galicia Confidencial

Segundo o artigo, no cadro represéntase “o salvaxe asasinato dun político republicano a mans do Franquismo” e que “a tela amosa a dous nenos chorando fronte ó cadáver do seu mestre -fusilado dun tiro na sien-“. Afirmase que a obra foi recibida con honra na capital galega e que nada máis abrirse o contedor que o transportaba “explotaron as paixóns que seguen vivas oitenta anos despois do golpe de estado que derrocou ó goberno democrático da II República e deu inicio á Guerra Civil”.

O diario explicaba o acontecido. “O lugar escollido para o cadro foi duramente criticado. Pero o máis escandaloso foi a benvida. De pé, fronte ó óleo e coas táboas recén desaparafusadas o presidente Núñez Feijóo deixou a todos abraiados coa curiosa interpretación da obra: segundo dixo, transmite a defensa da educación fronte ó fanatismo porque unha educación en liberdade é o medio para a promoción dos valores democráticos. Do réxime político que asasinou a centos de mestres republicanos, nada. Da morte sanguinaria do protagonista da obra, nada. Tampouco do exilio do pintor, nin da prohibición de falar del que ordenou o Franquismo tras a súa morte”.

Un discurso “negacionista” que “desatou tempestades”

E é que, segundo o xornal, tras o “discurso negacionista”, “desatáronse tempestades inmediatas”. Pois “a escasos metros atopábase a neta do retratado, o intelectual Alexandre Bóveda, fusilado o 17 de agosto de 1936, que se negou a aparecer na foto oficial do acto e que abandonou a sala superada pola falta de rigor histórico e de respecto“. O diario recolle tamén a reacción de Luis Villares e as súas palabras recordando que o cadro debe recordarnos que a sociedade ten unha conta pendente con todas as galegas e galegos asasinados, paseados e humillados.

Pezas de Castelao no cuarto 202 do Centro Gallego de Bos Aires, onde morreu

Tamén se recollen as declaracións da eurodiputada galega Ana Miranda, do BNG, en entrevista telefónica ó xornal. Nela afírmase que ela “aínda está en shock” e recóllense declaracións ó medio. “O cadro é un símbolo da represión franquista e merecía ser exhibido noutro lugar” non na Cidade da Cultura, un lugar ideado por Manuel Fraga Iribarne, “ministro da ditadura de Franco que ten o dubidoso mérito de ter asinado as últimas sentencias de morte daquel réxime”. No artigo destácase tamén o feito de que foi Miranda quen conseguiu que o Parlamento Europeo lle esixira a España a ilegalización de fundacións que fan apoloxía do Franquismo.

O diario destacou tamén as reaccións nas redes sociais e nos medios galegos, recollendo unha segunda polémica, da que tamén informamos en HdG. Foi respecto do comentario que recolle a web da Xunta de Galicia, no que non so se omite o tema real do cadro senón que se di que responde ó vello tema da lamentación ante o corpo de Cristo. Para aclaralo o xornal entrevista a unha doutora en Historia da Arte dunha coñecida institución arxentina. Ela, fronte o que di a web da Xunta, conclúe que “é inadmisible que se borre neste texto a clave histórica, política, social e cultural dese asasinato“.

Un cadro ante todo arxentino

Mais o diario Clarín destaca tamén unha pequena polémica. É a que se podería formarse ó redor da posibilidade de que o cadro volvera no futuro definitivamente a Galicia. Se ben o xornal recoñece o carácter do cadro como fundamental para a historia e a memoria de Galicia e a Castelao como pai da patria galega, recoñecido por todos os partidos políticos, defende dende o propio titular que o cadro ante todo é un cadro arxentino, pertencente ó Centro Galego de Bos aires.

E é que a polémica foi iniciada en 2015 pola exdiputada María Pilar García Negro, quen pediu ante o Parlamento de Galicia a cesión definitiva da obra a Galicia, e que foi apoiada por 11.000 sinaturas. Ante este feito o diario defende que o lugar do cadro está en Bos Aires, que é un cadro que pertence tanto a cultura galega como a arxentina, que foi pintado nunha cidade que acolleu a emigración, e que ata cinco millóns de arxentinos teñen algún ancestro galego, opinión apoiada por profesionais da cultura entrevistados polo xornal.

Castelao en 3D / Consello da Cultura Galega

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...