VI Asemblea Nacionalista en Monforte de Lemos, en 1922, cos membros das Irmandades da Fala / galipedia

Unha biografía sobre Rosalía e un estudo sobre as Irmandades da fala gañan a 1ª edición do Premio de Investigación Ramón Baltar Feijoo

O xurado do I Premio de Investigación e Ensaio Ramón Baltar Feijoo premiou dúas obras ‘ex aequo’: ‘Cantos de independencia e liberdade’ (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama, unha biografía sobre Rosalía, ; e ‘A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931’ (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua.

O xurado destacou a alta calidade dos traballos presentados e salientou a á “relevancia do traballo” destas dúas obras premiadas. Está formado por Xosé Luís Axeitos, membro da RAG; Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e ex presidente da RAG; María Xesús Pato, escritora; Alba Nogueira, profesora da USC; Ernesto Baltar, membro da familia Baltar Feijoo; ademais de Anxo Angueira e Xosé Carlos Beiró, presidente e secretario da Fundación Rosalía respectivamente.

A Fundación Rosalía de Castro convocou en abril a primeira edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós.

O Arquivo Baltar-Feijoo

O Arquivo Baltar-Feijoo é o fondo documental de Ramón Baltar Feijoo e Ernesto Baltar Santaló, un arquivo de primeira magnitude que regresou a Galicia e a Padrón en 2016 grazas á doazón desta familia á Casa-Museo de Rosalía. Inclúe correspondencia, moita dela inédita, de importantes persoeiros da historia de Galicia como Rosalía de Castro, Murguía, Castelao, RAG, Alfredo Brañas, Pérez Lugín e moitos outros.

CasaMuseo de Rosalía / rosalia.gal

A Fundación Rosalía creou un espazo dentro da propia Casa-Museo dedicado a este fondo, que foi dixitalizado e posto a disposición do público. Nel contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) ata os anos vinte do pasado século.

Así é o fondo

O conxunto componse maiormente de correspondencia e está organizado nos seguintes apartados: Rosalía de Castro; Manuel Murguía; Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; Real Academia Galega; Miscelánea (Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré…) e Cartas políticas (ministros, deputados, Marqués de Figueroa…)

De entre todo o valor histórico do fondo cómpre destacar varios autógrafos de Rosalía (unha carta dirixida a Ángel Baltar), o diario do propio Ángel Baltar, amigo e protector da familia Murguía-Castro, onde se apuntan relevantes datos biográficos de Rosalía, a folla de servizos de Manuel Murguía, versos autógrafos de Ramón Rey Baltar e todo un caudal de correspondencia inédita (máis de catrocentas cartas) centrada especialmente en Ramón Tojo e a el dirixida por Manuel Murguía e a súa filla Alexandra, por Daniel Castelao e seu pai Mariano Rodríguez, por Eduardo e Rafael Dieste, César Vaamonde Lores, Ramón Rey Baltar, Andrés Martínez Salazar, Pérez Lugín, Pardo Bazán, Alfredo Brañas, Nicasio Pajares, Aurelio Ribalta, Eugenio Carré, Fortunato Cruces, Amor Ruibal, Pérez Ballesteros, etc. etc. etc.

Ao longo de varias xeracións, a familia Baltar, vinculada a Padrón, mantivo unha estreita relación, moitas veces actuando de protectores, con algúns dos intelectuais, escritores e políticos máis importantes da Galicia contemporánea.

Poden consultar as bases na web da Fundación Rosalía: http://rosalia.gal.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: