fbpx
Acceso histórico ó castelo de Monterrei / fotos

10 imaxes que demostran a desfeita do patrimonio galego nun #10yearschallenge

Tempo de lectura: 5 min.

Se o patrimonio galego está mellor ou peor que vai 10 anos podería ser un longo tema de debate. Pois aínda que é certo que no noso territorio están a desenvolverse importantes rehabilitacións, como a da catedral de Santiago, a de cascos históricos como Pontevedra, Combarro, Vigo ou Ribadeo, a de determinados mosteiros, patrimonio etnográfico, escavacións arqueolóxicas… non é o caso doutros ben do noso patrimonio que non están a correr a mesma sorte.

O groso do noso patrimonio está mellor ou peor? Todo ese inmenso patrimonio galego inxentemente distribuído por todo o noso territorio en que estado se atopa? Neste artigo presentamos precisamente 10 exemplos do noso patrimonio en no moi bo estado. Un patrimonio claramente esquecido ou maltratado por administracións e particulares, que fomos denunciando ó longo dos últimos anos e que demostran que nalgúns casos o noso patrimonio non está para nada mellor. Nalgúns destes exemplos, de feito, o seu estrago ou desaparición parte da propia acción das institucións que deberían coidalo.

Desfeita no castelo de Monterrei

Castelo de Monterrei antes e durante o seu formigonado / fotos Comarca de Monterrei

Ó longo deste 2018 o castelo de  Monterrei sufriu un dos atentados máis importantes da súa historia. Foi coa súa reconversión nun establecemento hoteleiro da rede Paradores, da que non saíu para nada ben parado. Un atentado auspiciado de feito pola propia Xunta de Galicia e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio que rematou coa perda dos camiños histórico de acceso, que se remontan ó século XVI, e co derrube dalgúns dos seus muros. Tamén acabou coa veciñanza en pé contra a Xunta e a chamada de atención das institucións europeas.

As vagas de lumes

Atalaia de Monterrei antes e despois do lume

O incendios forestais dos últimos foron tamén unha das maiores traxedias do noso patrimonio. Non son poucos os ben patrimoniais estragados polo lume dende mámoas, petroglifos, castros, castelos, hórreos, cruceiros e ata aldeas. Nin os edificios do nivel da atalaia do Castelo de Monterrei se salvaron do asedio das lapas. O máis icónico, porén, dos ben estragados polos lumes foi sen dúbida o castro de Chandebrito, un dos grandes símbolos do patrimonio arrasado na famosa vaga de outubro de 2017.

Castro de Chandebrito antes e despois das vagas de lume de 2017 / fotos jmgrande CCByWikiloc e Miguel Núñez

Castros e mámoas arrasados pola maquinaria forestal

Mámoa de Mougá en Ferrol, antes e despois dos destrozos de 218 / fotos ajuanta CCByWikimedia e Xavier Moure

O patrimonio arqueolóxico é un dos máis fráxiles dos que posuímos en Galicia. Isto fai que día a día vexamos nos medios cada vez máis atentados. É xa tristemente habitual ver estragados por maquinaria pesada algúns dos máis de 3.000 castros que hai en Galicia ou algúns dos centos de mámoas cos que contamos. Tamén en petroglifos, xacementos romanos ou pedras fitas, entre moitos outros. Moitos deles aparecen esnaquizados polas labores forestais, cada vez máis intensas, duras e descontroladas, pero tamén hai ocasións en que son as propias administracións as que destrúen, por descoñecemento ou ignorancia, partes da nosa riqueza arqueolóxica.

Castro de Imo antes e despois dos destrozos / fotos Patrimonio Galego e Unidade Veciñal de Dodro

Desfeitas nos camiños de Santiago

Camiño de Santiago antes e despois das reformas da Xunta / foto Foro do Camiño

Pero non so por descoñecemento as administracións esnaquizan o noso patrimonio, senón que en ocasións é por propia ambición económica ou política. É o caso do Camiño de Santiago, Patrimonio Mundial pola UNESCO, sobre o que en non poucas ocasións chegan á nosa redacción diferentes tipos de atentados. Cambios no seu trazado, agresións ó seu entorno inmediato, masificación, cartelería non permitida ou impactos visuais inadecuados. En ocasións o trazado dos camiños aparece roto pola promoción de novas urbanizacións ou polígonos industriais. Mais, sen dúbida, os casos máis chamativos son aqueles nos que os camiños históricos son estragados para seren reconstruídos de novo. Un triste erro.

Camiño Primitivo de Santiago antes e despois das reformas da Xunta no ano 2018 / foto Foro do Camiño

Os nosos cascos históricos

Outro dos grandes doentes do patrimonio galego son os nosos cascos históricos. Tanto cascos históricos protexidos como Ben de Interese Cultural, como o de Monforte onde varias vivendas históricas están á agarda sentenzas a derrube, como aqueles que nunca acadaron protección por deixazón administrativa. Os nosos cascos históricos non so están a sufrir importantes danos senón que se están a perder para sempre e dun xeito irrecuperable. É, polo xeral, por causa da especulación urbanística, o fenómeno da construción incontrolada e a falta de directrices e ordenación para a súa conservación. Un caso singular é o de Marín, no que a pasada primavera se derribou unha parte enteira do seu casco histórico para deixar paso a novas a novas promocións.

Derrube dunha parte completa dun rueiro na vila de Marín / foto Google e Íñigo M. Riobó

O noso patrimonio máis singular

O patrimonio non so é aquel icónico e turístico, senón o todo o que é unha testemuña única da nosa historia e do que aínda temos moito por aprender. É o caso, entre outros, das grandes herdanzas do patrimonio indiano. Un patrimonio que enche moitos lugares do noso país non so co seu pintoresquismo senón tamén coa lembranza dos nosos antergos, forzados a emigrar para gañar a vida, e que lle agasallaron ás súas vilas natais coa arte e a cultura traída de ultramar. Un destes casos é a herdanza dos irmáns Naveira en Betanzos, que, sen que as administracións actúen, segue a desaparecer ano tras ano.

Parque do Pasatempo de Betanzos dos irmáns García Naveira / fotos histórica (Deputación da Coruña) e Concello de Betanzos

O singular caso do castro de San Cibrao en Cervo

E para rematar traemos o que pode ser un dos exemplos máis estrafalarios das desfeitas patrimoniais. Pois no singular caso da vila de San Cibrao en Cervo, asentada en parte sobre un istmo no que outrora se asentara un castro, a promoción inmobiliaria levou a destrución dunha parte considerable do xacemento por culpa dunha licencia urbanística irregularmente concedida. Unha parte moi considerable do castro desapareceu baixo o formigón e paralizouse a obra. Por se for a pouco estrago, o construtor reclamou á Xunta 4 millóns de euros.

Castro de San Cibrao en Cervo / foto xunta.gal e Vieiros

O pase de diapositivas require JavaScript.

Pode que che interese...