fbpx
Maquinaria pesada arrasou cunha mámoa en Friol mentres recollía madeira / Xabier Moure

A Asociación Forestal de Galicia quere que Patrimonio axilice as cortas de madeira en espazos protexidos

Tempo de lectura: 2 min.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) quere que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural teña máis diñeiro. O motivo é que nunha recente xuntanza constatou que continúan os retrasos de ata 4 meses nas autorizacións de traballos forestais afectados por bens patrimoniais. Ante esta situación, a AFG empraza á Xunta a dotar de máis persoal e recursos a Patrimonio Cultural para reducir os atrancos na xestión forestal.

“Os retrasos de Patrimonio Cultural levan a que comunidades de montes e propietarios particulares teñan que postergar durante meses traballos coma plantacións, rozas ou podas, que para unha execución óptima deben realizarse en épocas concretas do ano, non tendo sentido, por exemplo, que  as rozas se autoricen tras pasar a época de alto risco de incendio”, critica a entidade.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural trasladoulle que se axilizaran a menos de 20 días todas as autorizacións relativas á área de afección do Camiño de Santiago, pero os problemas continúan no resto de bens culturais, nomeadamente na provincia de Pontevedra, onde os retrasos chegan a 4 meses.

Axudas para a xestión forestal en áreas patrimoniais

“A Asociación Forestal de Galicia incidiu ante Patrimonio en que os propietarios forestais son os primeiros interesados na conservación dos bens patrimoniais, pero sen que supoñan unha carga adicional”, destaca nun comunicado. Por iso, a AFG tamén lle ten solicitado a Patrimonio que asuma os controis arqueolóxicos ós que en ocasións se ven obrigados propietarios particulares e comunidades de montes.

Unha plantación de eucaliptos / foto 139904CC0

Ante a falta de persoal de Patrimonio Cultural para asumir eses controis, outra opción que lle propuxo a Asociación Forestal de Galicia é a apertura dunha liña de axudas que cofinancien actuacións forestais en áreas patrimoniais, unha iniciativa que quedou sobre a mesa e que a Dirección Xeral se comprometeu a valorar.

Visor online

Outra cuestión relevante que se abordou na reunión é a actualización do visor online que ofrece información das afeccións de cada parcela forestal. Patrimonio prevé que a partir deste primeiro trimestre do 2019 se poida consultar online toda a información das afeccións patrimoniais de cada parcela forestal.

Instrucións informativas

Por último, a Asociación Forestal de Galicia incidiu na importancia de que Patrimonio Cultural elabore unhas instrucións orientativas para que propietarios  particulares e comunidades de montes saiban os condicionamentos que teñen na súa xestión forestal en función do tipo de ben e das áreas de protección ou cautela que correspondan.

Pode que che interese...