fbpx
Bastida ou torre de asalto romana / revista de historia

A bastida, a máquina de guerra da que saíron apelidos e topónimos en Galicia

Tempo de lectura: 5 min.

Na parroquia de Mañente, no concello de Pantón, entre a aldea de Campo Rairo, en Sober, e o castro de Babela (a raíz bab- está asociada ao concepto de refuxio, abrigo, protección), en Monforte, atópase a semiarruinada Casa da Bastida, penosamente reconstruída no século XIX. Na fachada principal, sobre unha ventá tapiada, vese un escudo, e outro sobre a porta principal rematada en arco de medio punto. Segundo un artigo publicado en La Voz de Galicia do 1 de abril de 2004, hai outro máis (que non vimos) procedente, ao parecer, da capela da Santa Cruz, que pertenceu ao desaparecido convento franciscán de San Antonio de Monforte. No artigo aclárase que nos escudos aparecen as armas dos Taboada, Varela, Gaioso, Correa, Ulloa, Cadórniga e Valcarce.

Casa da Bastida, en Pantón / Xavier Moure

Anexo á vivenda hai un alpendre cuxo tellado se apoia en tres colosais columnas coroadas por magníficos capiteis decorados procedentes, tamén, do citado convento de San Antonio. Na cidade de Monforte, enfronte dos Escolapios (Santa María da Antiga), actuando como soporte dunha plataforma de cemento dunha arruinada casa, hai outras dúas columnas que tamén pertenceron ao convento.

A uns 130 metros en liña recta ao norte da casa, sobre un pequeno altorelo, vese un pombal agochado entre a maleza.

Columnas da Casa da Bastida, en Pantón / Xabier Moure

A orixe do topónimo Bastida

O topónimo Bastida non é exclusivo da parroquia de Mañente, no mesmo concello de Pantón temos o microtopónimo Telleira da Bastida e outra Casa da Bastida en Trasulfe, na parroquia de Santalla de Toiriz. Trátase dunha arruinada casona brasonada. Nas inmediacións hai outra casa que obstenta un escudo sen rematar, co campo totalmente liso. Sobre as ruínas da Torre da Bastida do século XV levantouse no século XVIII a antiga Casa do Concello de Pontevedra. E na Fonsagrada e Gondomar temos dúas poboacións que atenden polo nome de A Bastida. E por último, o castro de Babela, na parroquia de Distriz (Monforte), que se atopa a uns 840 metros en liña recta da Casa da Bastida de Mañente, recibe o nome de Alto da Bastida.

Nas Cantigas de Santa María (s. XIII), atribuídas, ao menos en parte, ao rei Afonso X o Sabio, lese: “dizendo que esta uila/non se podia bastir/d´omees d´armas, de maneira/que me podesse guarir/et éu véio-a bastida”. O lingüísta portugués J. P. Machado (1914-2005) cita un escrito do século XV que di “elrej com bastidas e co mjtos besteiros e acheiros começou de cobater”. Antonio López Ferreiro (1837-1910) publicou un documento que dicía: “outrosy ao que noso señor el Rey enuyara rrogar ao dito señor arcibispo que non faça laurar na dita bastida mays de quanto esta ffeyto”.

F. Porto Rei, no Diccionario gallego-castellano (1900) fala dunha antiga máquina de guerra con que se atacaba aos castelos e prazas fortes. Consistía nunha torre de madeira que se achegaba á muralla por onde se quería penetrar, e ao abrigo dun cobertizo subíanse os atacantes e lanzaban frechas e outras armas arreboladizas aos do castelo. O mesmo escribe Eladio Rodríguez González no Diccionario enciclopédico gallego-castellano (1958-1961). No Diccionario da Real Academia Galega (1913-1928), bastida é toda clase de fortificación, barreira, trincheira, etc. que servía para defender unha praza, castelo ou campo. Carré Alvarellos, no Diccionario galego-castelán (1933) e Franco Grande no Diccionario galego-castelán (1972) falan dunha trincheira, defensa. García de Diego (1878-1978), no seu Diccionario etimológico español e hispánico, di que bastida, bastir e bastar teñen orixe no xermánico bastjan, construír, equipar. J. Coromines (1905-1997), no seu Diccionario crítico etimológico de la lengua castellana, deduce bastida do latín vulgar *bastare, abastecer, indicando que a bastida (máquina de guerra) utilizouse entre os séculos XIII e XVI. Niermeyer (1907-1965), en Mediae latinitatis lexicon minus, trae bastida, bastita e bastia en alusión a unha fortaleza, a un castelo ou a unha vila fortificada.

Torre da Bastida ou Bastide, en Sober / Patrimonio dos Ancares

Algún autor identifica o topónimo galego Bastida (que tamén se utilizou e aínda se utiliza como apelido) co francés Bastille (de bâtir, edificar, construír), a famosa fortaleza que protexía un dos accesos a París, símbolo da Revolución Francesa.

A orixe da linaxe dos Bastida

Parece ser que o fundador da linaxe dos Bastida foi un tal Gutierre Rodríguez Bezudo que participou na conquista de Cuenca como vinganza polo asasinato do seu irmán Pedro. Cóntase que dende a bastida (máquina de guerra) saltou os muros que protexían a cidade, arengando a facer o mesmo aos soldados que o acompañaban. Dende aquelas alcumáronno como o cabaleiro da Bastida. Os seus descendentes continuaron apelidándose Bastida. Un deles, de nome Rui Núñez da Bastida, casado con Mencía Vila de Anaya, foi o fundador da casa e da torre que nos ocupa, tal como o manifesta Juan Francisco de Hita a mediados do século XVII.

A torre da Bastida de Pantón

A 135 metros ao norte da casa destaca un outeiro situado a 297 metros de altitude. O catálogo da Xunta de Galicia denomínao como Torre de Bastide. Por Decreto de 22 de abril de 1949 (BOE do 5 de maio) do Ministerio de Educación Nacional sobre a protección dos castelos españois, incluíronse as torres e os castelos de todo o estado para que gozaran da máxima protección, figura que, lamentablemente, foi e continúa a ser papel mollado. Na actualidade, a Torre da Bastida atópase tamén dentro da área de protección da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, declarada BIC no mes de decembro de 2018.

Pedras do muro da antiga Torre da Bastida ou Bastide , en Pantón / Xabier Moure

Se ben é certo que no Decreto de 1949 “protexéronse” torres e castelos inexistentes onde non existía ningún tipo de documentación escrita nin arqueóloxica, atendendo tan só ao topónimo dun lugar determinado, a Torre da Bastida de Mañente non debemos incluíla neste grupo de “inexistentes” tal como propugna Ana Isabel Mesía López na súa tese doutoral El potencial turístico de los conjuntos históricos de Galicia. Villas y pueblos (vol. 1 A Coruña-Lugo), 2018: “El ayuntamiento de Pantón (Mapa 34) tiene seis inmuebles declarados bienes de interés cultural, dos de ellos son castillos vinculados al Decreto 1949, son el Castillo de Ferreira y la Torre de Bastide. Ambos castillos están vinculados a los condes de Lemos. De ellos, la Torre de Bastide es uno de esos castillos que deberían eliminarse del registro de bienes de interés cultural puesto que no queda rastro máis allá del topónimo, que ni siquiera es igual sino que se denomina A Bastida”.

Visitado o lugar, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares puidemos comprobar que o outeiro presenta polo sur-leste tres amplos socalcos que, seguramente, foron feitos para algún tipo de plantación, posiblemente videiras (como na zona do castro de Babela). A uns 70 metros ao norte cconsérvanse os restos dunha canle para regar. Dende a parte máis alta domínase gran parte da contorna, incluída a cunca do río Cabe que discorre a uns 330 metros. Na parte máis elevada e central, cuberta por altas e espesas silveiras, amoréanse un gran número de pedras, grandes e de moi boa factura o que nos leva a conxecturar que non foron carrexadas para o sitio porque si. Pero o máis salientable é que ao meternos entre a maleza observamos restos claros da cimentación feita con grandes bloques de pedra. De planta cadrada, tería uns 12-13 metros de lado.

Para rematar, no sitio nunca se realizou ningunha intervención arqueolóxica polo que cremos que, ao atoparse agora dentro do BIC da Ribeira Sacra, sería un bo momento para coñecer algo máis desta torre derrubada polos Irmandiños.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...