A Cruz de Carballás, en Cerdedo / Capitán Gosende

A gran Cruz de Carballás, un dos grandes descubrimentos do inicio do 2019 en Cerdedo

Para a tropa do Capitán Gosende, o fardel do pandigueiro veu este ano cheo de sorpresas e agasallos. Na xornada do domingo 6 de xaneiro, demos localizado perto da aldea de Biduído (Cerdedo) un gravado rupestre -para nós inédito- cuxo informe de catalogación (2008) se incorporou en data imprecisa ao arquivo de Patrimonio baixo a denominación “petróglifo do Cotadoiro” (GA36011068).

Orientados cara ao norte, o petróglifo sitúase ao lado esquerdo dunha devasa (duns 15 m de ancho) aberta baixo a instalación dunha liña eléctrica, perto das aldeas de Biduído (sita a uns 600 m cara ao sur) e Lourido (sita a uns 800 m cara ao norte). Na visita do pasado domingo batemos co vulto granítico (gran groso) e corroboramos a existencia do agrupamento de tres coviñas consignadas polos arqueólogos que nos precederon (coordenadas: X: 549.269; Y: 4.707.603; alt. 477 m). Tamén constatamos que por baixo da liña eléctrica se desenvolveran había pouco labores de roza e que, para o desbravamento da matogueira, se empregou maquinaria pesada. As marcas das cadeas de corte son evidentes en moitos dos afloramentos do calveiro. O soporte da inscultura, quer polas súas dimensións (8 m2 aprox.), quer por sobresaír do nivel do chan, non padeceu polo momento agresión ningunha. Porén, o que non pasa nun ano pasa nun día.

Aqueles predios, hoxe a mato, noméanse As Brañas. “O Cotadoiro” (con “o”) é, nesas coordenadas, o topónimo que figura no mapa topográfico. Non obstante, os naturais empregan “O Catadoiro” (con “a”) para referirse, nesa zona, a un espazo máis amplo e menos preciso.

A uns 550 m cara ao noroeste, localízase outra estación petroglífica, rexistrada en 2001 por Patrimonio coa denominación “petroglifo nº 2 de Acibeiro” (GA36011038). No libro O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (2017), consignámola co nome de “gravado rupestre das Brañas” (microtóponimo), para diferenciala das catro estacións rupestres inventariadas no Outeiro Aciveiro, a uns 400 m cara ao sueste. Daquela, o “petróglifo do Cotadoiro” debera renomearse “petróglifo das Brañas II”. Tres das catro insculturas do Outeiro Aciveiro foron atopadas por Capitán Gosende.

Catadoiro

Temos dúas solucións para o topónimo “Catadoiro”. A primeira designaría un lugar preeminente des onde avistar unha ampla panorámica (o coto do Catadoiro acada os 489 m de altitude). Un dos significados do verbo catar é “examinar con atención na procura de algo”. O verbo catar, derivado do latín captare (“coller, capturar”) foi, co pasar do tempo, desusando o sentido da vista para se ir valendo do sentido do gusto. A solución popular derivaríao de catar co significado de “espiollar”. Segundo a tradición oral, antano, naqueles laxotes era habitual que os pais desparasitasen a rapazada. Mágoa dun testemuño fotográfico.

Tras a visita ao petróglifo das Brañas II, desprazámonos até a aldea de Carballás, portela do Seixo, para dar conta doutro gravado rupestre, neste caso, moderno. Estacionamos na Cima do Lugar que así é como se denomina a parte sur do poboado. O termómetro do coche marcaba 3 graos. Deseguido, nos empolicamos nun laxeiro, aflorado por riba e a carón da antiga casa do pobo (ou do baile). A vella casa do pobo de Carballás é, aínda que arruinado, un edificio magnífico. A súa calidade arquitectónica, obra dos destros “calzarrebos” de Carballás, dista anos luz da nova casa do pobo, construída hai uns anos nas proximidades. A decisión de edificar un pendello prefabricado no canto de restaurar o inmóbel tradicional é paradigma da política de desbaratamento do patrimonio levada a cabo neste malfadado territorio durante décadas. Os causantes do problema xamais ofrecerán a solución.

Membros de Capitán Gosende ao carón do petróglifo de Penasluces

Enriba do laxeiro, favorecidos polas últimas raiolas de sol, decatámonos da existencia dun gravado cruciforme de trazo desgastado e grandes dimensións (coordenadas.- X: 552.178; Y: 4.708.304; alt. 670 m aprox.). A cruz latina remata nun pedestal en forma de trapecio isósceles que enmarca, probabelmente, a data de realización. Cremos ler “1830”. Os brazos da cruz aparecen flanqueados por inscricións alfabetiformes de difícil lectura. Quizais: DCC (der.)/MºIMM (esqu.) [superior]; JRAC (der.)/JMM (esqu.) [inferior]. A parte superior do stipes oriéntase cara ao sudoeste. Espallados arredor da cruz, riscáronse outros catro conxuntos alfabetiformes, tamén de difícil interpretación. Quizais: JBAC, LB, JA, G LBUra OSCar COV.

As cruces

Os exploradores de Capitán Gosende non contabilizamos os gravados cruciformes (mormente, cruces de termo) que imos atopando monte arriba, monte abaixo. De os computar, o número de achados multiplicaríase por cinco. Agora ben, polo seu tamaño e antigüidade, a Cruz de Carballás merece ser catalogada e, xa que logo, pasa a engrosar a nosa conta de descubertas. Canda a Cruz de Carballás, as cruces riscadas no gravado do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo), a cruz da Laxa do Castro (Arén) e os cruciformes da Laxa da Romaxe II (Pedre) son, en Cerdedo, un fermoso exemplo de insculturas modernas. Non esquecemos os cruciformes prehistóricos da Laxa das Buratas (Presqueiras-Forcarei), atopados en 2013 e aínda non catalogados por Patrimonio.  

Malia a brevidade dos días, deunos tempo a fotografarnos a carón dun novo descubrimento. O domingo 30 de decembro, a uns 500 m a poñente do lugar de Carballás, nos predios monteses denominados Penasluces, os membros de Capitán Gosende demos cun penedo granítico adobiado con pías xeradas por meteorización salina. Na parte superior e central da rocha, abríronse dous concos disimilares comunicados por unha canle desaugadoiro. A bacía pequena desauga na meirande e a meirande, a través doutra canliña, verte cara á parede sudoeste do afloramento. O leito en “V” dos desaugadoiros fainos pensar na intervención humana. A bacía meirande semella ter sido agrandada mediante o emprego dalgún tipo de útil. Apreciar a feitura antropomorfa das pías en conxunto é cousa doada.  

Combinándose coas concavidades naturais, na parte superior do penedo espállanse 4 coviñas de tamaños diversos. Bautizouse o achado “petróglifo de Penasluces” (coordenadas: X: 551.711; Y: 4.708.446; alt. 637 m). O lugar é un privilexiado miradoiro do val de Cerdedo. Anotámos o achado no haber de Alicia Garrido.

Segundo os veciños de Meilide, durante o solsticio de inverno o sol non sae de detrás do outeiro e, na parroquia de Cerdedo, a luzada despunta en Penasluces (lomba do monte do Seixo). O orotopónimo “Penasluces” pode interpretarse como “os penedos do albor”. A solución popular achega o significado de “apenas luces”, é dicir, “poucas luces”. Penasluces (contumaces) é o alcume polo que se coñecían os naturais de Carballás. Retranca.

En resumo, comeza o ano 2019, sétimo na biografía do Capitán Gosende. Inauguramos a nova tempada dando conta de dous petróglifos inéditos: a Cruz de Carballás e o petróglifo de Penasluces. O antigo concello de Cerdedo acada a cifra de 48 gravados rupestres. A parroquia de Cerdedo, 27. Capitán Gosende, 56.

En novembro de 2017, publicouse O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo. A primeira edición esgotouse. Por mor do incesante labor de exploración, axiña haberá que encargar unha segunda fornada ampliada. Ben coñecemos as motivacións que sosteñen o contubernio Cerdedo-Cotobade. Aborrecer o terminalismo mortuorio ao que nos conduce este xeito de gobernar provoca que a arte rupestre descuberta polo voluntariado de Capitán Gosende se obvie na web do concello fundido. Honra que nos fan.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: