fbpx
Castañas galegas/ mercadodelacosecha.com

As castañas no medievo, o ouro dos pobres

Tempo de lectura: 2 min.

No medievo, castañas e castiñeiros como recursos económicos”. Ese é o título do último libro do investigador e colaborador de Historia de Galicia, Héitor Picallo, que se presentará este venres na Librería Couceiro de Santiago ás 19.30 horas.

A obra permite coñecer a procedencia de moitas das normas que caracterizan os aproveitamentos do rural e dalgúns arrevesados aspectos en canto á propiedade, usos e costumes, pero tamén ofrece pasaxes valiosísimas para ponderar a importancia que os castiñeiros e as castañas tiveron ao longo da Historia.

“Con este libro, Héitor Picallo lévanos a unha parte biolóxica da nosa historia, a través das coleccións diplomáticas de moitos mosteiros e entidades eclesiais e nobiliarias, mergullándose nelas e proporcionándonos unha información de primeira orde, ata agora moi descoñecida, que nos fai comprender non só a lexislación sobre esta temática, senón tamén numerosas características que encerra a nosa cultura tradicional ao longo dos séculos”, apuntan desde a editora.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado da profesora e coordinadora do acto, Maka Arca Camba; o investigador e fotógrafo Damián Porto; e o secretario da IXP Castaña de Galicia e autor do prólogo, Manuel López. Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración do Concello de Cuntis e o Ministerio de Transición Ecológica.

O autor

Héitor Picallo Fuentes, nado na vila do Baño (Cuntis – Pontevedra) o 18 de outubro de 1974, é enxeñeiro técnico naval (UDC), aínda que tamén se dedica á escrita e ilustración de libros.

Publica en revistas de investigación como Museo de Pontevedra, Compostellanum, Anuarium Sancti Iacobi, Tapa, Conimbriga, Murguía… E tamén é colaborador deste portal, Historia de Galicia. Obtivo os premios Máximo Sar de Periodismo (2005) e o Reimóndez Portela (2012).

Da súa autoría é a colección de oito libros infantís titulados Tilirín: O meu primeiro dicionario; así como os ensaios Xohán Xesús González: un precursor do soberanismo Galego (2008), Coa lingua na terra (2013) e Cuntis na época romana (2016).

Pode que che interese...