Así é o esquecido lugar onde se atopou a primeira mención epigráfica ó Cristianismo en Galicia

Na Costa da Morte, Entre Baio e Baíñas, ó pé da comarcal que se dirixe a Mazaricos, atópase a parroquial de Tines. É unha igrexa barroca cunha ábsida románica do século XII e un camposanto rodeado de herbais. Mais a pequena parroquial de Tines, xa unha xoia da nosa arquitectura relixiosa en si mesma, garda sobre o seu adro un segredo non suficientemente coñecido: unha importantísima necrópole romana e sueva con enterramentos datados entre o século I e o século VIII, un dos máis importantes de Galicia.

Foi descuberta casualmente no ano 1951, cando o arcebispado e os veciños acordaron o traslado da Ermida Vella ó lugar, anexionándoa como capela da vella igrexa. Foi daquela, e xunto cunhas obras dun mausoleo, cando se achou unha necrópole con tumbas que semellaban ser especialmente antigas. O feito chegou a oídos do arqueólogo Manuel Chamoso Lamas quen desenvolveu a única escavación coñecida sobre o lugar, constatando que baixo o solar do adro atopábase un enterramento suevo e unha vila romana.

Santa Baia de Tines / foto HdG

Así, Chamoso atopou vestixios de inhumacións que se remontarían ó século I e que continuarían ata o século VIII. Constatou ademais a presencia unha vila romana con catro salas, pórtico e hipocausto. En Tines atopouse tamén a coñecida Estela de Vitorino, de época tardorromana. É unha das estelas máis importantes de Galicia, xa que para moitos estudosos constitúe a primeira mostra epigráfica do cristianismo en Galicia, datando de finais do século IV ou comezos do V.

A Estela de Vitorino é unha das testemuñas máis importantes daquel descoñecido momento da Historia de Galicia, e ten a súa maior relevancia no feito de que no epígrafe a un tal Vitorino faise referencia por primeira vez á condición da súa fe, a primeira do cristianismo. Mais a estala é tamén singular, con forma antropomorfa, aínda que tallada dun xeito máis ben sintético, representa as faccións esquemáticas dun rostro co epígrafe no seu peito. A estela atópase no  Museo Arqueolóxico da Coruña sendo tamén unha das súas pezas estrela.

Un lugar esquecido

Mais se ben a estela, xunto con outras atopadas no lugar, acabou no Museo Arqueolóxico da Coruña o certo é que as escavacións daquela década de 1950 quedaron completamente abandonadas. Os restos foron enterrados de novo e algúns ata expoliados. Dende aquela non se desenvolveu ningunha nova campaña arqueolóxica sobre o lugar e as novas que se conservan son as deixadas por Chamoso, xunto con traballos teóricos do investigador como Xosé Manuel Lema Suárez.

A día de hoxe o lugar atópase recollido no PXOM do Concello de Vimianzo, carecendo da categoría de BIC, e sobre o lugar, especialmente no seu camposanto anexo, aínda se conservan visibles algunhas arcas. Tamén, no ano 1986, descubríronse novos enterramentos nunha finca veciña, o que para os espertos fai sospeitar das dimensións e a importancia da antiga necrópole. Máis este novo achado non espertou ata o de agora o interese das administracións por financiar unha nova escavación.

Porén o lugar si é un dos máis singulares do interior da Costa da Morte. Un lugar tranquilo na actual Ruta dos Dolmens, onde aínda a día de hoxe pode atoparse unha gran cantidade de bens etnográficos e no que, segundo os investigadores, outrora sería unha das estradas romanas máis importantes da zona. Tamén a súa igrexa conserva pezas dunha feitura singular, coma a súa colección de canzorros ou os seus capiteis interiores no que se representa o castigo de Adán e Eva e o martirio da Virxe e da mártir Santa Baia.

Santa Baia de Tines / foto HdG

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: