Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago / porticodagloria.com

Así foi 2018: Reabre despois de case unha décaca o Pórtico da Gloria

Máis alá de todas as novas que en Historia de Galicia publicamos no 2018, houbo unha que destacou sobre todas elas: a reapertura, despois de dez anos de obras, do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. E é que o pasado día 2 de xullo, a chamada Capela Sixtina do románico volveu tomar a función de nártex solemne da catedral compostelá, cunha renovada aparencia e xa libre de humidades. Foi nun acto institucional no que participaron diversas autoridades e no que estiveron presentes tanto a propia Casa Real como Presidencia do Goberno.

A reapertura tivo tamén un especial impacto en medios de comunicación nacionais e internacionais, e non é para menos, xa que a gran obra do Mestre Mateo, levaba nada menos que unha década pechada á visita e cuberta por estadas. Ademais a nova causou un gran impacto polo novo aspecto que presenta, xa que a coidada rehabilitación permitiu recuperar en boa medida as policromías orixinais que se remontan ó século XIII.

Mais para visitar o monumento o público tivo que agardar algún tempo máis. Pois alén da inauguración oficial os veciños e visitantes de Santiago tiveron que agardar ata despois do Día de Galicia para poder visitar o antigo nártex, pois ata o día 27 de xullo non abriu ó público. Fíxoo cunha gran expectación e con longas colas, pois a visita faríase en grupos reducidos e tanto e por estrita orde de chegada.

Pórtico da Gloria antes da restauración / Fundación Barrié

Iso si, quen visitara o Pórtico durante os meses que restaban de verán faríano de balde. Pois despois dos meses de proba que a Fundación Catedral establecera, e nos que se mediría o impacto das visitas no monumento, no outono deste 2018 o Pórtico reabriu, agora si, con pago de entrada. Isto, como non podía ser doutro xeito, causou un certo debate social, e atraeu ó foco cara o sempre presente debate sobre a gratuidade ou pago pola visita ós monumentos. E e que se chegou a estimar que a Catedral de Santiago podería recadar preto de 5.000 euros diarios polas entradas ó Pórtico.

Sexa como for a inauguración foi un éxito tanto da cidade como da Fundación Catedral e da Fundación Barrié, que financiou as obras. Os dez anos baixo estadas, o importante traballo de restauración e de eliminación de humidades e a proxección internacional, deron ante todo como resultado unha nova imaxe social e turística do Pórtico. A día de hoxe a obra cumio do románico europeo xa non é aquel pórtico do Santo dos Croques, senón unha obra única e admirada para visitantes que se achegan dende todo o mundo, conscientes en maior ou menor medida da súa importancia histórica e cultural. Así o contamos en HdG.

Pórtico da Gloria antes da restauración / foto OpinadorCCBy Wikimedia

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: