fbpx
Mítica imaxe da befana, a bruxa-meiga que chega polo Nadal en Italia

Cando os Reis Magos son mouras, meigas ou vellas máxicas

Tempo de lectura: 4 min.

Ya viene la Vieja / con el aguinaldo / le parece mucho / le viene quitando.

Ya vienen los Reyes / por los arenales / ya le traen al niño / muy ricos pañales.

Coa primeira frase comeza unha das panxoliñas máis coñecidas destas datas, e coa segunda faino a segunda estrofa. Cabe entón preguntarse: Quen é esa Vella á que se fai responsable do aguinaldo, unha personaxe que se asimila ós propios Reis Magos na súa faceta de doadora de regalos mais poñéndoa por riba deles, pois ela é quen comeza e dá nome á panxoliña? Pode acaso ser ela a mesma divindade da que vimos falando ó longo das entradas deste blogue? Fagamos unha pescuda e saquemos conclusións.

O primeiro dato importante é constatar que, efectivamente, en moitos países é unha figura asimilable á nosa Vella quen entrega os regalos ós nenos por estas datas. Así en Italia temos á Befana, unha anciá farrapenta que voa na súa escoba cun saco de presentes ás costas, coma se dunha bruxa se tratase mais cun carácter benéfico. Conta a lenda que os Reis extraviaron o seu camiño cando ían levar agasallos ó Neno, e pediron axuda a unha velliña. Ela foi tan hospitalaria e doulles tan ricos doces que lle pediron que fora con eles mais a anciá negouse. Cando xa marcharan arrepentiuse, así que encheu un saco con doces e saíu na súa procura. Non os atopou, polo que foi parando de casa en casa entregando lambetadas ós nenos coa esperanza de que algún deles fora o Neno Xesús.

befana https://mattodubai.com/la-befana-the-italian-christmas-tradition/

Befana https://mattodubai.com/la-befana-the-italian-christmas-tradition/

Unha historia similar se conta en Rusia sobre Babushka (“avoíña”) que dou hospedaxe ós Reis no seu camiño a Belén e se converteu nunha figura dadora de agasallos ós cativos. No leste de Francia, na fronteira con Suíza, temos a Tante Arie, unha muller vestida cunha túnica negra e coa capucha sobre a cara ocultando ás súas faccións, montada nun burro vai pedindo hospitalidade polas vilas. Deste xeito recoñece ós bos de corazón e déixaselles agasallos. Como vemos, repítese nestas tres historias a importancia da hospitalidade, como tamén o fai nas nosas lendas de cidades asolagadas e que xa comentamos nesta entrada a relación que tiña coa figura da Vella.

En Cantabria, as figuras que entregan agasallos polos Reis son as Anjanas(personaxes idénticos ás nosas Mouras), máis só o facían cada catro anos e ás familias pobres.

anjana (9)

http://seres-fantasticos.blogspot.com/2014/06/las-anjanas.html

Sen embargo, o patrón que máis se repite por Europa quizais sexa o de dous personaxes, un masculino e outra feminina, que poñen a proba ós cativos para castigar ós malos e recompensar ós bos. Así, no Veneto (Italia) témolos cristianizados baixo as figuras de San Nicolás e Santa Lucía, personaxe esta última moi asociada ó solsticio de inverno. En Alemaña aparece Knecht Ruprecht, representado ás veces como un home vestido con peles, chocas, unha bolsa de cinsa e uns ramallos para azoutar ós nenos malos, noutros lugares é un ser periantrópico con cornos, pelicas e chocas idéntico ós do Entroido. Vai acompañado nalgúns lugares polas fadas, homes vestidos de vellas e coa cara encinsada. De novo, a similitude co Entroido é innegable.

Como estamos a comprobar, o aspecto castigador ou maléfico tamén estaba presente orixinalmente nestas personaxes, o cal concorda coa ambigüidade de carácter que a Vella sempre amosa nas nosas lendas. Así, en Islandia temos á xigantesca e monstruosa Grýla que vive nas montañas e que no Nadal baixa ás vilas co seu saco para cazar ós nenos de mal comportamento e despois comelos. Grýla, como tantas personaxes similares, tivo varios maridos e foi co último que marchou vivir nunha cova e tivo trece fillos, os trasnos asociados co Nadal en Islandia. Tamén atopamos esta faceta terrorífica na Vella xermánica da que xa falamos noutras entradas: Holda, Perchta ou Berchta, segundo as zonas. Asimílase ás veces con Santa Lucía como dadora benéfica de regalos, mais outras fálase dunha anciá con dentes longos e látego que se enfada se no seu día se come algo máis que non sexa a comida tradicional de peixe e gachas. Nestes casos, racha o ventre de nenos e maiores, retira o estómago e as tripas, e enche a cavidade con palla e pedras.

Fotografía de 1910 na que sae Perchta e o seu acompañante masculino (Wikipedia)

Fotografía de 1910 na que sae Perchta e o seu acompañante masculino (Wikipedia)

Como vemos, non resulta descamiñado apuntar que, quizais, o noso famoso Apalpador (que tamén vixía as barrigas dos nenos comprobando se están cheas) estivese nalgún tempo acompañado pola Vella, e que o comportamento de ambos non fose o doce que hoxe en día se nos transmite senón que, como a vida mesma, trouxesen no mesmo saco premios e castigos, nunha sorte de xustiza divina que restituíse a que, a miúdo, non atopamos neste mundo.

Tirado de: https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...