fbpx
Dolmen de Dombate / turismo.gal

Coñece os catro grandes parques do patrimonio que se queren facer na Coruña este 2019

Tempo de lectura: 2 min.

A Coruña quere situarse á avangarda do patrimonio este 2019 coa posta en marcha de catro grandes parques do patrimonio. Son o Xeoparque de Ortegal en Ferrolterra, o Parque do Megalitismo na Costa da Morte, Compostela Rupestre en Santiago e o Parque da Idade do Ferro nas rías de Arousa Norte e Muros e Noia.

“Camiñan cara á consolidación como recursos turísticos de especial interese”, destaca a área de Turismo e Patrimonio da Deputación da Coruña que destaca nun comunicado os “importantes pasos dados no deseño dos parques que compoñen o Plan de Patrimonio”. Segundo recolle un comunicado.

No caso do Xeoparque de Ortegal, que ten no punto de mira conseguir o recoñecemento da Unesco como xeoparque, en 2018 constituíuse o consello de dirección que designou como presidente ao alcalde de Cerdido, Benigno Galego Castro. Están involucrados os concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

No castro pequeno do Neixón (Boiro) atopáronse restos de cerámica fenicia / terraarquea.com

Pola súa banda, no Parque do Megalitismo participan os concellos de Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas. O comité de dirección está presidido polo alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro. Trátase dun espazo con máis de 300 dólmenes e construcións funerarias.

En canto a Compostela Rupestre, na contorna do Val de Maía e do Ulla, constituíuse a comunidade intermunicipal cos concellos de Val do Ubra, Santiago, Ames, Brión, Teo, Vedra e Boqueixón. Por último, o Parque da Idade do Ferro conta coa participación de Boiro, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, e coa colaboración de Porto do Son.

En 2018 “déronse importantes pasos”, segundo a deputación, xa que se constituíron os órganos de dirección de cada un dos proxectos “que decidirán os pasos a dar no futuro”. Estes órganos tamén decidirán sobre o investimento dos orzamentos. Neste sentido, a deputación recordou a súa achega de 500.000 euros a cada un dos proxectos.

Pode que che interese...