fbpx
Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Esta é a longa historia da expoliación do patrimonio galego perpetrada pola familia Franco

Tempo de lectura: 5 min.

A finais do século XVIII, o conde de Ximonde fíxose con dúas estatuas do Mestre Mateo, Isaac e Abraham, e colocounas nun pazo da súa propiedade no concello de Vedra, a 20 quilómetros de Santiago. En 1947, o Concello de Santiago, e o entón alcalde Joaquín Sarmiento, propuxo comprar dúas figuras. A operación fora proposta polo conde de Ximonde, e para estudar a compra nomeouse unha comisión con tres membros que elaboraron un informe sobre a conveniencia ou non de comprar as pezas.

Xa en 1948, o concello confirmou a decisión de comprar as dúas esculturas por un prezo de 60.000 pesetas. O conde de Ximonde aceptou ese baixo prezo porque o seu interese era enriquecer o patrimonio municipal. De feito, no documento de compra incluíuse unha cláusula que sinalaba que se as pezas deixaban de pertencer ao patrimonio municipal, habería que indemnizar ao conde con 400.000 pesetas.

As estatuas foron utilizadas para decorar a escalinata do Pazo de Raxoi. En 1961 as pezas puidéronse ver nunha exposición sobre arte románico, e é nesta mostra cando aparece a primeira referencia a que as esculturas pertencen a Franco e están gardados no Pazo de Meirás. Despois desa exposición, as figuras do Mestre Mateo foron trasladadas a outra propiedade da familia Franco, a Casa de Cornide, na Coruña. Despois desa exposición de 1961, as estatuas puidéronse ver noutras tres mostras: unha na Coruña en 2008; na exposición Dominus Iacobi en 2011, e a exposición sobre o Mestre Mateo que se pode visitar agora no Pazo de Xelmírez despois de estar no Museo do Prado.

Non consta ningún documento sobre a cesión das estatuas a Franco por parte do Concello de Santiago, pero existen testemuños que apuntan a que as pezas foron un agasallo a Carmen Polo na visita que o ditador realizou a Santiago para participar na invocación ao Apóstolo Santiago no Ano Santo de 1954.

Escultura do Pórtico da Gloria atopada nunha escavación da torre sur da Catedral de Santiago / Catedral

E comezan os intentos por recuperar as pezas

O goberno tripartito da Xunta (1987-1990) abriu un expediente para tentar a recuperación das estatuas, que resultou infrutuoso. Máis tarde, en 2000, o BNG, a través da deputada Pilar García Negro, presentou unha pregunta no Parlamento autonómico para que a Xunta informase das xestións realizadas para a recuperación das pezas. O entón conselleiro de Cultura, Xesús Pérez Varela, recoñeceu que non se deron pasos respecto diso, pero comprometeuse a recuperalas. Non consta que fixera, despois, xestión algunha.

En marzo de 2012, coincidindo coa exposición Dominus Iacobi da que formaron parte as dúas pezas, a Asociación O Sorriso de Daniel dirixiuse directamente á entón presidenta da Fundación Francisco Franco, Carmen Franco Polo, para reclamarlle a devolución das esculturas á Fundación Catedral. Non obtiveron resposta. Nese mesmo ano, o grupo municipal do BNG presentou en Pleno unha pregunta ao Goberno local (PP) para coñecer que documentación existía no concello de Santiago sobre as pezas e que pasos se deron para a súa recuperación.

Unha das esculturas do coro pétreo da catedral de Santiago, obra do taller do Mestre Mateo que se atopa nun cruceiro / Elixio Vieites

Xa en setembro de 2016, Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea presentou unha Proposición non de lei no Congreso para instar o Goberno estatal a establecer os mecanismos necesarios para esixirlle á familia Franco a devolución das pezas á Catedral de Santiago.

Un ano despois, en setembro de 2017, o Pleno da Corporación Municipal de Santiago aprobou por unanimidade unha proposición de Compostela Aberta e unha moción do BNG nas que se reclamaba a devolución das dúas estatuas do Maestre Mateo. Tamén se instaba á Xunta de Galicia a tramitar a declaración de ambas as figuras como Bens de Interese Cultural.

En novembro de 2017, o Parlamento Galego aprobou por unanimidade unha Proposición non de lei presentada por En Marea para apoiar ao Concello de Santiago na súa esixencia á familia Franco para a devolución das dúas estatuas do Pórtico da Gloria. Finalmente, en febreiro de 2018, a Xunta inicia os trámites para a declaración das figuras como Bens de Interese Cultural (estímase un prazo de 24 meses para a conclusión do expediente)

Comeza o proceso xudicial

En setembro de 2017, o Goberno Local de Santiago remitiu a Carmen Franco Polo un requirimento para que recoñecese que as estatuas do Mestre Mateo eran propiedade do Concello de Santiago e as puxera a disposición da institución municipal no prazo máximo de 15 días. Pola contra, advertíase do inicio das accións legais pertinentes para defender os intereses da cidadanía de Compostela.

Unhas accións que acordou iniciar en outubro de 2017, poñendo unha demanda de xuízo común contra Carmen Franco Polo para reclamar as estatuas, despois de que a herdeira do ditador non respondese o requirimento enviado. A demanda foi interposta ante o Xulgado de Primeira Instancia de Madrid, e nela está argumentado e documentado que as dúas esculturas foron compradas polo Concello de Santiago. Tamén se sinala que as pezas son bens de dominio público, e por tanto a familia Franco non pode alegar “prescrición” para non devolvelas ao Concello de Santiago.

O 28 de decembro de 2017, o Xulgado de Primeira Instancia nº 41 de Madrid admitiu a trámite a demanda civil presentada polo Concello contra Carmen Franco. O xuíz empraza á demandada a contestar o prazo de 20 días. Ao día seguinte, prodúcese o falecemento de Carmen Franco, e é preciso reiniciar a demanda para dirixila aos seus herdeiros.

En xuño de 2018 queda fixada a data do 15 de outubro para a celebración da vista previa no procedemento xudicial aberto. Ese día, a xuíza acorda pospor a vista preliminar ao 19 de novembro, para aclarar se os herdeiros de Carmen Franco recibiran ou non a súa herdanza tras a morte da filla do ditador, nunha nova estratexia de dilación por parte da familia do ditador.

No transcurso da vista previa os avogados da familia Franco non achegan ningún documento que avale a súa teoría de que as dúas pezas foron adquiridas nun anticuario. A súa estratexia de defensa céntrase en que as pezas son da propiedade dos Franco porque levan máis de vinte anos no seu poder. Pola contra, o Concello de Santiago mantén que as figuras de Abraham e Isaac son bens de dominio público e, por tanto, non se poden ceder, vender ou doar a particulares a empresas, nin ha lugar para a prescrición nin atendendo á actual lexislación nin á que estivo vixente durante a ditadura franquista.

E, finalmente, esta longa historia de expoliación está a piques de ter un final coa vista que se celebra este venres. Agardemos que ese final sexa feliz e para beneficio do pobo.

Pode que che interese...