fbpx
Arsenal de Ferrol / foto hwi62CC0

Podería ser Ferrol o vindeiro Patrimonio Mundial galego?

Tempo de lectura: 3 min.

Á Ribeira Sacra e as Illas Cíes estalles a saír xa dun xeito moi serio un novo competidor: a cidade histórica e porto de Ferrol. E é que co título “Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración” a cidade tratará de presentar a súa candidatura no 2019 a formar parte da Listaxe de Patrimonio Mundial da UNESCO. Pois o chamado “Ferrol Ilustrado”, é dicir, a cidade construída ex-proceso no século XVIII para ser a gran defensa naval da Coroa Española, podería ser unha aposta especialmente forte a ser o vindeiro Patrimonio Mundial galego.

“Consideramos que o cumprimento dos criterios que de seguido enumeramos fan da nosa unha candidatura solidamente fundamentada” afírmase no portal da candidatura do Concello de Ferrol. Pois “Representa unha obra de arte do xenio creador humano”; “Certifica un intercambio de influencias considerable, durante un período concreto”; “Achega unha testemuña única ou polo menos excepcional, sobre unha tradición cultural viva“; E “constitúe un exemplo eminentemente representativo dun tipo de conxunto arquitectónico”.

Peirao de San Xulián detalle da Proposta de Declaración

E é que “A cidade de Ferrol: Porto da Ilustración” é “o modelo máis perfecto de cidade naval do século XVIII” e un dos mellor conservados a nivel mundial, xa que, fronte a outros complexos navais europeos como Toulon, Rochefort, Brest, Plymouth… “a pesares do seu continuo uso nunca sufriu períodos de destrución significativa”. Pois así figura na Proposta de Inscrición, un documento dunhas 300 páxinas nas que se presentan as potencialidades da cidade de cara á distinción e que se pode descargar aquí.

Tal e como se recolle neste documento o Ferrol da Ilustración foi “impulsado pola acción decisiva da Coroa Española a través das súas institucións académicas e técnicas de nova creación”. O Conxunto “integra perfectamente a obra do home representada polo Arsenal Militar, o Arsenal Civil, a Cidade-Praza (barrio da Magdalena) e as defensas costeiras, entre elas os castelos de San Felipe e Palma, na obra da natureza representada polas excelentes condicións do Porto Natural“.

Plano histórico, detalle da Proposta de Declaración

O último impulso do goberno de Jorge Suárez

O pasado día 14 de xaneiro o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez de Ferrol en Común, presidiu a primeira das reunións de corte técnico para iniciar contactos con administracións e entidades. O obxectivo é crear o Comité de Xestión da candidatura de Ferrol-Porto da Ilustración a Patrimonio da Humanidade da UNESCO cos principais expertos do sector. Así, no encontro, ademais de Suárez e a Concelleira de Patrimonio Histórico, Rosa Méndez, reuníronse responsables do comité de redacción da proposta ferrolá, liderado por Jordi Treserras, Consultor Unesco e vicepresidente de ICOMOS España.

Vista aérea, detalle da Proposta de Declaración

Esta primeira reunión tivo por obxectivo darlle forma á constitución deste Comité que funcionará como órgano encargado da coordinación das actividades a desenvolver nesta fase final do proceso da candidatura. E é que o proxecto Cidade de Ferrol-Porto da Ilustración é  xa unha sólida iniciativa na que a cidade leva investido xa preto de 1,5 millóns de euros e que ten xa todos os estudos técnicos necesarios. Así esta gran xoia da arquitectura e a enxeñería neoclásica europea e a súa localización nunha das rías máis inexpugnables de Europa conta cunhas máis que privilexiadas posibilidades de converterse en Patrimonio Mundial.

Praza porticada, detalle da Proposta de Declaración

 

Pode que che interese...