fbpx
Murallas impoñentes do castro do coto do Mosteiro de Lobás, no Carballiño /patrimoniogalego.net

Polémica tras pedir o PPdeG que se protexa un castro inzado de piñeiros

Tempo de lectura: 2 min.

O PP do Carballiño presentou hai uns días un escrito por rexistro para pedir medidas de protección do castro do coto do Mosteiro de Lobás. Foi logo de que a comunidade de montes realizara unha talla de piñeiros no ben.

Polémica nas redes pola corta de piñeiros no castro do coto do mosteiro de Lobás, no Carballiño

A noticia ata podería ser positiva pero pronto saltou a polémica. Activistas do patrimonio cultural criticaron que esta decisión do PPdeG ten “tintes políticos” e critican que este partido e a Xunta “non fagan nada” ante as numerosas denuncias presentadas por casos semellantes.

De feito, a polémica foi tal que o Concello asegurou nun comunicado que a curta contaba con todos os permisos de Patrimonio e efectuouse baixo a supervisión dun arqueólogo. “Talláronse os piñeiros grandes, tendo coidado de non danar a muralla exterior, pero deixáronse os pequenos no interior do castro, porque podía verse afectada algunha estrutura da escavación”, suliñou nun comunicado.

O castro do coto de Mosteiro de Lobás é un recinto castrexo fortificado que ocupa a cima dun outeiro dominante a 525 metros de altitude. Ata o século XX a única posible referencia a este xacemento aparece na obra de Madoz (1848, T. XI, páx 622) onde di que “…existen los vestigios de un torreón o castillo, que se conoce que estuvo amurallado, y se cree obra de romanos, o por lo menos del tiempo de los moros”.

Varias épocas de poboamento

Segundo recolle Patrimonio Galego, non foi ata o ano 1976 en que apareceu no diario “La Región” un artigo asinado por Julio Lama titulado “Restos de antiguas edificaciones aparecen en Coto do Mosteiro. Parecen de origen celta y se está produciendo un gran espolio”. Trátase dun recinto con unha estrutura aterrazada con diferentes plataformas e recintos ó sur e, principalmente, ó leste.

Debido á escasa defensa natural do terreo levantáronse impoñentes sistemas defensivos: muralla, foxo e terrapléns. A muralla no oeste conserva más de 4 m. de altura, e no lado sur apoiase sobre dous metros de terra. Polo norte péchase con un terraplén artificial.

Foi obxecto de escavación e estudo parcial na década dos oitenta. No terreo intramurallas apareceron poucas estruturas, unha de planta cuadrangular e outra circular. Atopouse abondoso material cerámico, numerosos anacos de moldes de fundición, escorias de bronce e ferro, muiños planos e naviformes, gran cantidade de fusaiolas e pesas, un gancho de herba de madeira carbonizada, unha folla de coitelo de ferro e anaco da folla dunha fouce. Os autores consideran que debeu estar habitado durante un longo periodo de tempo. Algúns achados indican a romanización do castro: anacos de tégula, un sextercio, un anaco de terra sigilata Sudgálica.

Pode que che interese...