Interior do templo romano de Santalla de Boveda / galipedia

SOS para Santalla de Bóveda: unha xoia do mundo tardorromano en Galicia

A xoia tardorromana de Santalla de Bóveda pode estar estes días un paso máis preto de ver a luz fora do túnel. E é que a comezos de esta semana a Concellería de Cultura anunciaba por fin que se está a preparar un Plan Director para o singular templo, e, segundo se anunciou, agárdase que estea aprobado por fin ó longo deste ano 2019.

Tratarase de contrarrestar os erros de mantemento nos que se caeron nas últimas décadas e que deron como resultado unha inadecuada conservación do templo e a acción da humidade sobre as súas excepcionais pinturas murais e relevos. O plan conterá tamén medidas para a difusión e divulgación dunha das máis enigmáticas e singulares pegadas do noso pasado.

Graves problemas de humidades

E é que as pinturas murais están gravemente amenaadas pola humidade do lugar. Trátase da filtración de auga dende a contorna, así como pola propia humidade que entra polos seus vans frontais. Ata o de agora as únicas medidas que se tomaron para evitar o problema foi a limpeza da parte superior da placa que protexe, as canalizacións e arquetas atascadas. Mais dende fai tempo compren accións máis profundas e decididas.

Santalla ou Santa Eulalia de Bóveda / Xunta.gal

Para evitar posibles danos nas pinturas, que nos últimos anos xa se atopaban bastante mal, compre revisar profundamente o seu estado así como o dos diferentes elementos escultóricos do conxunto. Mais para poder actuar sobre eles é preciso reducir a humidade interior o máximo posible. Segundo a Xunta nos últimos anos xa se estiveron analizando as condicións do lugar, as temperaturas, condensacións, colonizacións biolóxicas e estado das pinturas. O obxectivo agora é ordenar todos os parámetros a recoller nun Plan Director que permita unha intervención urxente.

Un clamor popular escoitado por fin pola Xunta

A redacción do Plan Director e a futura restauración das pinturas chega despois de moitos anos de demanda popular e de queixas de investigadores e especialistas, que durante moito tempo estiveron a ver como se estaba a pór gravemente en perigo un templo único en toda a romanización. E é que durante décadas as demandas de historiadores e arqueólogos non foron escoitados levando ó monumento a un estado xa crítico.

Pinturas en Santalla de Bóveda / foto Lameiro WikimediaCCBy

De feito situación tivo que chegar ó propio Parlamento Galego, onde unha denuncia de Concepción Burgo, deputada do PSdG, deu lugar a unha resolución na cámara sobre a necesidade de establecer medidas urxentes no monumento. Finalmente tras outros tres anos de agarda a Consellería de Cultura tomou por fin a determinación de intervir no lugar, anunciando a redacción deste plan que rexerá as futuras actuacións no monumento.

Promover as visitas

E é que sen dúbida un dos males deste templo é o seu descoñecemento. Se ben para historiadores e arqueólogos é unha verdadeira xoia do noso patrimonio, así como un enigma aínda do noso pasado, para os galegos non deixa de ser un gran descoñecido. Isto ponse de relevo nas súas visitas, que dende vai anos se poden facer entre as 10.00 e as 15.00 horas de luns a sábado.

Pois o certo é que, como moitos outros monumentos galegos do noso interior, o templo apenas pasa dunha ducia de visitas diarias de media. Xa que no pasado 2018 non foron máis de 4.543, a meirande parte delas o propio sábado. A cifra é, de feito, inferior que a dos últimos anos -salvo no 2017 que estivo temporalmente pechado-, e en ningún caso superándose os 7.000 visitantes. Por isto o obxectivo do Plan Director será tamén mellorar as condicións de visita e traballar na súa divulgación.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: