fbpx
Detalles dalgunhas columnas do Mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas / O Sorriso de Daniel

Unha homenaxe aos homes e mulleres de aldea que levan coidando do patrimonio galego durante 800 anos

Tempo de lectura: 3 min.

Discurso do presidente de ‘O Sorriso de Daniel‘ Antón Diéter tras recibir esta entidade o premio da Cultura Galega

Tal coma din no seu libro Xurxo Ayán e Manoel Gago, “Os galegos somos herdeiros pola forza do noso patrimonio”.
Hai algún tempo, estabamos a traballar na igrexa de Piñeira en Taboada, cando unha muller que saía co seu gando preguntounos que faciamos. Unha vez que dimos as explicacións axeitadas, díxonos:
-Fan moi ben, hai que volver polo bonito

No ánimo de O Sorriso de Daniel, estivo sempre volver polo bonito, polos restos dunha historia compartida. A historia do románico galego fai falar as pedras e escoitamos o ruxe-ruxe dunha das etapas máis brillantes da nosa historia, da nosa cultura, da nosa lingua, do noso propio ser como pobo.

Galicia, está chea de persoas como a señora de Piñeira que nos fan lembrar que nada se pode facer polo Patrimonio se ignoramos as persoas que viven na súa contorna.

Antón Diéter, presidente do Sorriso de Daniel, recibindo o Premio da Cultura / xunta.gal

Dende o Sorriso de Daniel cremos, que nin a nosa curta e humilde traxectoria xustifica a concesión deste premio, nin as nosas relacións coa Consellaría son tan boas como para pensar que o premio recibímolo pola nosa proximidade. Hai que ser un xurado algo “punky” -e perdoade a licencia lingüística- para darlle o premio de Patrimonio a unha asociación que traballa tan nas marxes das marxes.

De boa gaña trocariamos o premio pola consecución dalgunha das nosas demandas.
-Que a catalogación do patrimonio se poida consultar na rede.
-Que haxa unhas inspeccións periódicas sobre o Patrimonio que permitan planificar as intervencións.
-Que o DOGA publique anualmente os horarios de visitas dos BIC
e porqué non dicilo,
que o románico da Ribeira Sacra se deixe de ver como adxectivo na candidatura a Patrimonio da Humanidade. Non hai románico maior e menor, hai un único libro do que non convén esgazar ningunha das súas fermosas páxinas. Os máis de 50 edificios románicos que quedaron fóra desa declaración BIC chaman a berros por nós.

O románico ten que servir como motor de desenvolvemento económico para unha zona moi castigada demograficamente e non podemos nin debemos fiar toda a creación de emprego ao ámbito da hostelería. Por sorte Galicia conta con profesionais de prestixio e capacidade (arquitectos, historiadores da arte, conservadores, guías, xestores culturais, turísticos e medioambientais…) que poden en verdade crear e dar valor engadido onde hoxe non o hai.

Estamos certos de que o xurado non buscaba tanto premiar a O Sorriso de Daniel como facer un recoñecemento a eses miles de homes e mulleres, artesáns, labregos e mariñeiros, tamén algúns deles homes e mulleres de igrexa que levan máis de 800 anos coidando do noso románico. Labores de xente anónima e calada que serviron para que o Patrimonio románico transitase case nove séculos e chegase ata nós. Coidamos que o premio é para todos estes galegos que prestaron axuda e deron o seu apoio. Grazas por considerarnos a nós unhas mans acaídas para trasladárllelo.

Mosteiro de San Paio de Abeleda, en Castro Caldelas / plataformaaquitectura.cl

Ese traballo comunal e anónimo está agora en perigo: o drama demográfico, que está a vivir o noso rural é a principal ameaza para que ese labor continúe, a outra é -e queremos supoñer que é sen pretendelo- a propia política de Patrimonio.
Un día uns veciños de Bemil que vían medrar unha silveira nas pedras da súa igrexa, debatíanse entre o deber de cortala e o medo de que o soubesen os de patrimonio e lles puxesen unha multa.

A sociedade, non debe ver na administración unha man que castiga se non máis ben unha man amiga. Coidamos que aínda estamos a tempo de mudar o noso rumbo, concedámoslles aos galegos e galegas o creto do sentidiño que sempre tiveron. Facilitemos que sexan gardiáns do noso Patrimonio, deámoslles as ferramentas para facelo axeitadamente. Acompañémolos. Levan 800 anos facéndoo e ata aquí chegou o noso románico en pé para demostrarnos que tan mal non o fixeron. Oxalá algún día alguén poida dicir o mesmo de nós, e das nosas institucións, pero claro a pregunta é… Estamos nós á súa altura?
Non queremos marchar hoxe sen facer dende aquí un novo chamamento polo reagrupamento do Patrimonio Mateano en Santiago de Compostela. Se a restauración do patrimonio roubado polos nazis foi posible non temos porqué pensar que a xustiza deste país vai ser menos e vai permitir un espolio destas dimensións.

Xa remato e dende hoxe mesmo comprometémonos a traballar para ser merecedores deste premio.
Moitas Grazas!

Pode que che interese...