fbpx
Unha foto antiga da Illa de Santo Antón, na Coruña / Alberto Martí-Villardefrancos

A illa máxica da Coruña, de castelo defensivo a Museo Arqueolóxico

Tempo de lectura: 4 min.

En maio de 1589 dúas compañías de soldados da Coruña, armados con varias pezas de artillería, facían fronte ó pirata Sir Francis Drake dende unha pequena illa na entrada do esteiro da Coruña. Facíano dende un castelo sen rematar nunha illa empregada como lazareto e ó pé dunha capela adicada a Santo Antón. Tan so un ano despois 1590 a construción retomaríase converténdose o lugar para sempre nunha das grandes defensas da cidade.

Ese castelo, empregado como lazareto, cárcere, defensa e prisión militar e política, é o castelo de Santo Antón. Foi o lugar escollido no ano 1964 pola Deputación Provincial da Coruña e polo Ministerio de Defensa para ubicar o novo Museo Arqueolóxico e Histórico. Catro anos despois, en 1968, abría as súas portas o Museo, sendo dende aquela nunha das grandes institucións referentes do patrimonio arqueolóxico e histórico de Galicia e un dos seus grandes contedores.

A institución

Mais ás súas orixes habería que buscalas en 1844, cando se crearon en todo o Estado as Comisións Provinciais de Monumentos encargadas de velar pola protección do patrimonio histórico. Foi unha consecuencia, por un lado da creación en 1833 da división administrativas nas actuais provincias e, por outro, pola influencia en materia de protección patrimonial vida de lugares como Francia ou Italia.

O castelo de San Antón na Coruña estará hoxe aberto ata as 24.00 / foto cuv3 turismatcoruna.blogspot.com

As Comisións Provinciais de Monumentos comezaron a traballar nas súas orixes con moi poucos medios, pero co tempo comezaron a ser as responsables e depositarias dunha grande cantidade de obxectos arqueolóxicos e históricos, que ó principio ían quedando nas dependencias das deputacións ata que pouco a pouco se foron abrindo museos. Por isto consérvanse museos nas grandes catro capitais das provincias galegas.

Unha restauración de Pons-Sorolla 

Durante o Franquismo o Castelo de Santo Antón seguía a ser unha prisión militar e política, e un dos centros que durante a Guerra Civil e comezos da ditadura se empregaría como lugar de depuración de presos. Mais á finais da década de 1940 e xa localizada na zona un novo complexo hoteleiro, foi callando a idea dun novo uso. De feito, o castelo foi declarado Monumento Histórico Nacional no ano 1949 e once anos despois, en 1960 cedido ó Concello polo Ministerio de Defensa.

Casco de Leiro / Museo Arqueolóxico de Santo Antón

Daquela foi cando xurdiu a idea de facer no lugar un museo adicado a arqueoloxía e historia. Para isto contratouse o arquitecto especialista en restauración de monumentos Francisco de Pons-Sorolla y Arnau quen fixo a consolidación e adaptación da obra á visita ó público. O 5 de outubro de 1968 abriría finalmente o novo museo baixo a dirección do arqueólogo leonés José María Luengo Martínez.

Un tesouro de tesouros

Ademais da súa monumental situación nun dos edificios históricos máis excepcionais de Galicia, o Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña é un espazo cun gran programa e, sobre todo, o lugar depositario de moitos dos máis importantes tesouros da historia e do patrimonio de Galicia.

No seu interior se atopan en depósito obxectos tan excepcionais como o casco de Leiro, unha xoia da ourivería castrexa, atopada en Rianxo, e datado no do 700 a.C. Tamén outros grandes tesouros castrexos como o do Castro de Elviña, torques como o de Xanceda, diademas, calares, arracadas, procedentes de diferentes castros; puñais espadas, puntas de lanza, machados ou muíños de man traídos de escavacións en toda a provincia.

Domingo Fontán co seu mapa

Poden atoparse petroglifos, como o cruciforme vido de preto da Torre de Hércules ou unha reconstrución da cista de Taraio en Malpica. Tamén excepcionais obxectos da romanización como Tabula Lougeiorum, procedente do castro de Cido en Folgoso do Courel; estelas funerarias, coma as de Tines, Primiano, Grandal, aras votivas, o idoliño do Castro de Elviña, xerras, ánforas ou xogos de dados. Tamén unha colección de puntas de frecha e machados samurais.

Tamén, relevos, sepulcros, laudas, dende época Sueva; pezas de escultura medieval coma a cruz polilobulada da igrexa do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro en Ares; relevos, esculturas, procedentes de moitas igrexas galegas; escudos heráldicos do século XVI ó XVIII, entre eles o escudo máis antigo da cidade da Coruña. Hai cartas xeográficas coma as de Domingo Fontán, un plano e alzado da Torre realizado por Xosé Cornide; restos de pecios; coleccións de moedas, dende os reinado de Carlos V  obxectos litúrxicos, tallas ou a famosa reconstrución dun barco da Idade do Ferro.

 

Pode que che interese...