Carlos Solla ao carón do petróglifo do Outeiro das Coenlleiras II, en Carballás, Cerdedo / Capitán Gosende

Atopando petróglifos cun responso de santo Antonio, padroeiro dos cazatesouros,

Membros do colectivo Capitán Gosende descubriron nas inmediacións da aldea de Carballás (Cerdedo) un novo gravado rupestre. A estación petroglífica sitúase a uns 600 m ao nordés da capela da Conceución.

Para a talla, o gravador prehistórico (home, muller, ambos ou varios) escolleu un afloramento metamórfico (xisto ou gneis) de perfil irregular con incrustacións de seixo branco. A laxa presenta unha lixeira pendente cara ao sueste e atópase arrodeada de vexetación baixa (toxo, carrasco, carqueixa, silveiras, fento (seco, nesta altura do ano) e unha repoboación rara de piñeiros). A superficie visíbel da lastra acada os 30 m2 e apenas dista uns metros da estrada de acceso ao poboado. A pouca distancia cara ao norte, agóchase un vertedoiro incontrolado de téxtiles e calzado.

A inscultura componse dunhas 46 concavidades (agrupamentos e elementos illados). A coviña meirande acada os 15 cm de diámetro e a máis pequena, os 5 cm de diámetro. O conxunto oriéntase cara á saída do sol.

A estación petroglífica (duns 4.500 anos de antigüidade) localízase a uns 250 m cara ao nordes do Outeiro das Coenlleiras, onde en xaneiro de 2015 (hai catro anos xustos), membros de Capitán Gosende descubrimos o gravado rupestre denominado “petróglifo do Outeiro das Coenlleiras” ou “petróglifo de Carballás” (Véxase: O legado dos homes pequenos…, páxs. 151-167). Por mor das recentes descubertas realizadas na zona, o petróglifo de Carballás debe renomearse “petróglifo do Outeiro das Coenlleiras I”. O gravado atopado o pasado domingo débese identificar, pois, co chamadeiro “petróglifo das Coenlleiras II” (coordenadas.- X: 552.745; Y: 4.708.736; alt. 600 m).

Petróglifo de Castro do Cabo, en Cerdedo / Capitán Gosende

Os petrógifos de Carballás

Recapitulemos. A día de hoxe, Carballás atesoura catro gravados (tres deles, prehistóricos): petróglifo do Outeiro das Coenlleiras I (atopado en 2015), petróglifo do Outeiro das Coenlleiras II (2019), petróglifo de Penasluces (2018) e o gravado da Cruz de Carballás (2019), este último, tallado en época moderna. Que cante o melro!!

Di miña nai (todas as nais de antes teñen a mesma teima) que non me alimento como é debido, que coas pedras e o papelorio xa me sustento. Desta vez, recoñezo que, entre a poalla e a raxeira, a gozosa contemplación daquel laxote cheo de furos me abriu o apetito. Tras tomar os apuntamentos oportunos, enviei in situ unha parva de chouripán (o chourizo, da casa; o pan, de Tenorio). A petiscada campestre tróuxome unha copla á cabeza: Cando paso pola túa porta,/collo pan e vou comendo,/pra que non digha túa nai/que con verte me manteño.

Pola tarde, completada a mantenza, dirixímonos por terceira vez á parroquia de Castro e, en concreto, á peneda onde na xornada do 13 de xaneiro bateramos co primeiro petróglifo sito na aba oeste de Castrodiz. Coma sempre, moitas foron as felicitacións recibidas a través das redes sociais. Agradecemos o agarimo dos de fóra, válenos de bálsamo para aturar o pandote de non ser profeta en terra propia.

Membros de Capitán Gosende canda o petróglifo de Castro do Cabo, en Cerdedo

Novas coviñas

Pasmoneamos outro pouco diante do petróglifo de Castro do Cabo. Botamos a conta de novo: 22 coviñas máis ca no último reconto. Cando menos, 72 coviñas compoñen, a terceira vista, o conxunto. Enunciamos teorías, fixémos cábalas, especulamos, conxecturamos… Falar para a feira, a única verdade incontrovertíbel é a deserta beleza daquel santuario rupestre. Riu o peto verdeal rescatándonos do encantamento. Privilexiados aqueles que buscan e que acaban atopando o que con ansia procuran.

Si quieres milagros, mira: …miembros y bienes perdidos recobran mozos y ancianos. Ao pouco de recitar o ensalmo de santo Antonio, padroeiro dos cazatesouros, a uns 30 m cara ao nordés, demos con outra estación petroglífica. O gravado rupestre, bateado “petróglifo de Castro do Cabo II” (coordenadas.- X: 546.552; Y: 4.711.275; alt. 414 m), componse, a primeira vista, de 2 coviñas. As focas talláronse a distintos niveis nun afloramento granítico (gran groso) empregado xacando como canteira. A pedra rachada amoréase na redonda. No nivel inferior da rocha, rexistramos unha coviña de 7 cm de diámetro. Ben podían ser máis, pois a cunquiña sitúase de carón dun corte extractivo duns 6 m2 de superficie. A foca do nivel superior ten 8 cm de diámetro.

Números finais. Gravados rupestres localizados en Cerdedo: 51. Gravados rupestres descubertos pola tropa dos Gosende na bisbarra de Montes: 58. Eu anótome 45.

Sabemos pola prensa da descuberta de 9 gravados rupestres na parroquia de Folgoso. Parabéns a Jorge Fernández, integrante da asociación Codeseda Viva. De chegarmos un día a poder velos, engadirémolos gustantes a este inventario (sempre incompleto) do patrimonio de Cerdedo e de todos.   

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: