Instalacións das minas de Casaio nos anos 40, cando había un destacamento pena republicano traballando alí / mve2gm.es

Cando os alemans construíron unha cidade a 1.200 metros en Valdeorras para controlar o wolframio galego

“E se tivera os meus 17 anos coma entón, reengancharía, porque os mellores da miña vida paseinos alí, na mina”, comenta Fe Rodríguez, actualmente veciña do Barco de Valdeorras e antiga cantineira da mina de Valborraz, situada en Casaio. Este é un das moitas testemuñas recollidas pola equipa de Sputnik Labrego (www.sputniklabrego.com) que volve aos montes de Casaio para documentar os restos da antiga mina. “A pesares se tratar dun lugar moi coñecido e visitado, non sabemos exactamente que resta en pé da antiga mina de wolframio. O noso obxectivo é documentar todos os vestixios que aínda quedan”, comenta Carlos Tejerizo, director do proxecto.

A antiga mina de Valborráz foi un dos enclaves principais da coñecida como “guerra do wolframio” no contexto da Segunda Guerra Mundial cando a España de Franco exportou este mineral en grandes cantidades, sobre todo cara a Alemaña Nazi. Neste contexto, a mina de Casaio foi unha das que foi xestionada de forma directa polos alemáns, de ai que sexa coñecida coma a “cidade dos alemáns”.

En 1938 a explotación pasou a mans de axentes da Alemaña nazi, a través dun consorcio hispano-alemán, para conseguiren volframio. En novembro de 1942, no marco da Segunda Guerra Mundial, comezaron a chegar das prisións de Celanova, Santa Isabel (Santiago de Compostela) e Ourense presos represaliados polo franquismo como parte da man de obra, até 463 procedentes de todo o Estado, aos que se lles daba unha cartilla de redención de pena.

Restos actuais das minas de Casaio / archivohistoricominero.org

Presos republicanos ao servizo dos nazis

De feito, era tal a importancia dos presos que mesmo se activou o Destacamento Penal de las Minas de Valborrás, que foi analizado en profundidade polo investigador Isidro García Tato. A explotación pechou o 1 de xullo de 1944, despois da batalla de Normandía, mais seguiu activa entre 1952 e 1963, aínda que con menor carga de traballo.

Sen embargo, a mina esconde unha historia moito máis rica e complexa: “Grazas ao excepcional traballo de Isidro García Tato temos un coñecemento moi profundo de grande parte da historia da mina. Sen embargo, a falta de documentación para abordar algúns períodos da súa historia ou aspectos coma a vida cotiá das persoas que alí viviron e traballaron fan que a arqueoloxía sexa especialmente útil”, afirma Alejandro Rodríguez, co-director das intervencións.

A mina atópase actualmente nun estado moi avanzado de deterioro. De feito, no 2010 sufriu un terrible colapso das canteiras de lousa dos arredores, que se levaron por diante unha parte moi substancial das antigas estruturas da mina. “É urxente intervir sobre esta paisaxe industrial. A documentación dos restos que se conservan é un primeiro paso necesario. O noso obxectivo é que esta información poida servir para protexer e por en valor un lugar único”, conclúe Tejerizo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: