fbpx
Kumano Kodo / foto KanenoriCC0

Comeza a fascinación polo Kumano Kodo, o Camiño de Santiago do Extremo Oriente

Tempo de lectura: 3 min.

Dende fai máis de dez séculos as xentes de Xapón peregrinaron polos camiños de Kumano. Non era so un xeito de achegarse a varios santuarios, senón unha ruta espiritual que poñía a proba ós peregrinos mental e fisicamente. Era un xeito de purificarse co camiño de buscar á súa espiritualidade, así como de atoparse a si mesmos na natureza, respectándoa, admirándoa e coidándoa.

O Kumano Kodo (熊野古道) ou camiño de Kumano é unha das rutas de peregrinación históricas máis importantes de todo o extremo oriente. O Kodo é unha rede de camiños diferentes que conectan tres grandes santuarios da provincia de Kumano, na rexión de Wakayama. Son o santuario Hongu Taisha (熊野本宮大社) o santuario Hayatama Taisha (熊野速玉大社) e o santuario Nachi Taisha (熊野那智大社).

Kumano Kodo / foto KanenoriCC0

O Kumano Kodoe, xunto co noso Camiño de Santiago, distinguido en 1993, é o único camiño de peregrinación no mundo con esta distinción. Tamén está irmandado a este, dende o ano 1998, e os peregrinos que percorran ambos poden conseguir un selo de recoñecemento dobre.

Un camiño de purificación

O camiño Kumano, Kumano Kodo ou ruta dos montes Kii, percorre a costa sudoeste da rexión de Wakayama dende diversas cidades como Kioto. Parte de diversos puntos ata a cidade de Tanabe, onde se divide en dous, o Oechi, cara o sur pola costa, e o Nakahechi polas escarpadas montañas do interior cara o lugar de Hongu Taisha, sendo esta última a máis popular e tamén a máis antiga rexistrada, remontándose polo menos á comezos do século X.

Mais a sección rexistrada como Patrimonio Mundial comeza en Takijiri-oji, o lugar que se considera o punto de entrada á zona sagrada do camiño. Dende aquí o Kumano convértese nunha verdadeira experiencia transcendental, con tramos diversos e purificadores. Hai uns 40 quilómetros de camiño entre montañas, 2 km de subida empedrada empinada polo interior de frondosas fragas e finalmente na chegada o Taisha Hongu un santuario termal.

Kumano Kodo / foto KanenoriCC0

En Hongu os peregrinos facían ritos de purificación nas augas termais do Yunomine, a única fonte termal en uso declarada Patrimonio Mundial. Mais Hongu non é máis que un alto no camiño. Do Hongu Taisha ó Hayatama Taisha hai outros novos 40 quilómetros que ben se poden facer camiñando, ben nun bote polo río. Sexa como for en dous días se estará no santuario de Koguchi en Hayatama seguíndose por dúas variantes ata o terceiro dos santuarios, o Nachi Taisa.

Unha exposición para coñecelo

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e o gobernador da Prefectura de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, inauguraron no Museo das Peregrinacións e de Santiago a mostra fotográfica Kumano Kodo: unha peregrinación a través do tempo. Esta exposición, enmarcada na celebración do vixésimo aniversario do acordo de irmandade entre a rexión nipona e Galicia, pretende achegar a fermosura das terras e xentes do Kumano Kodo á cidadanía galega.

A mostra está composta por preto de 40 imaxes de Luis Gago e Aoife Dhubhda, un matrimonio de fotógrafos especializados en viaxes e gañadores de varios premios de prestixio internacional. A parella visitou a rexión de Wakayama, ó longo da primavera e máis do outono, retratando as paisaxes montañosas do Kumano Kodo nestas dúas estacións. Coa exposición preténdese renovar os lazos e coñecer mellor dúas culturas tan afastadas no mapa, pero con tradicións e desafíos futuros comúns.

Kumano Kodo / foto IT-STUDIOCC0

 

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...