Reconstrución dunha vivenda castrexa no Castro de Santa Trega / turismo.gal

O fenómeno sociocultural do mundo castrexo no Noroeste peninsular foi homoxéneo e non houbo procesos illados

Tempo de lectura: < 1 min.

As producións cerámica e metalúrxica da Idade de Ferro no Noroeste peninsular sucedéronse paralelamente, de xeito que “cada produción que forma a cultura material dos castros non é resultado de procesos illados e, por tanto, todas son produto dun conxunto sociocultural específico, que evolucionan xuntas e que intercambian información entre elas”. Así se pronuncia a investigadora da USC Cristina Seoane Novo, que achega na súa tese de doutoramento unha nova perspectiva aos estudos de cerámica e metalurxia na cultura castrexa.

Fronte á estendida literatura arqueolóxica que sostén a posible orixe metálica de determinadas formas e decoracións do catálogo cerámico castrexo, a investigadora decidiu indagar na relación entre ambas manifestacións artísticas. Para iso estudou vasillas cerámicas e metálicas en conxunto, nun intento de comprobar a que niveis e en que termos se produce o diálogo entre artesanías.

Segundo informa a USC nun comunicado, analizou en detalle dúas producións específicas, as sítulas con decoración xeométrica no caso dos metais e as vasillas perladas no das cerámicas, un traballo que derivou nun inventario exhaustivo que dotou dun marco teórico sólido, en base a estudos previos sobre esqueuomorfismo (fenómenos de imitación). A partir de aquí estudou en que dirección viaxa a información entre alfarería e metalurxia, que características se presentan e como inflúe nas dúas producións escollidas como estudo de caso.

Cristina Seoane Novo, investigadora do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste Ibérico-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC, acadou sobresaínte cum laude pola súa tese ‘Interaccións entre olería e metalurxia na Cultura Castrexa: sítulas de bronce e as súas analoxías cerámicas’.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: